Os robots e a súa relación cos humanos protagonizan o 'doc do mes' en Pontevedra
Por Redacción
A intelixencia artificial e a entrada dos robots nos fogares de todo o mundo afectou á vida das persoas. Ese é o eixo sobre o que xira os documental Robots. Las historias de amor del futuro, da documentalista alemá Isa Willinger.
O público pontevedrés poderá gozar deste documental este luns 16 de novembro, ás oito e media da tarde, no Teatro Principal. É a nova cita co ciclo Docs del Mes.
Estes robots, desde hai anos, xa traballan nos mostradores e recepcións de empresas, nos centros comerciais ou como chefs, pero agora, humanoides con intelixencia artificial comezaron a introducirse nos nosos fogares e nas nosas vidas privadas.
Willinger aborda este asunto a través de casos reais como o de Chuck, que ten un robot como parella; ou dunha avoa xaponesa que adquire outro para que lle faga compañía.
O documental conta ademais cos testemuños de persoas que traballan no sector da robótica. Desde os seus laboratorios dan a coñecer algúns aspectos clave da intelixencia artificial e en que punto nos atopamos no desenvolvemento de máquinas nas que podamos centrar as nosas emocións.