A biblioteca municipal do Grove acada outro premio nacional María Moliner
Por Redacción
As actividades de animación á lectura postas en marcha pola biblioteca municipal do Grove veñen de acadar un novo recoñecemento a nivel nacional.
O programa de dinamización lectora "Biblioteca en streaming", posto en marcha durante o ano 2020, consegue o Premio María Moliner, que supón unha achega de 2.000 euros para a compra de libros.
O proxecto presentado foi posto en marcha durante o confinamento e a posterior desescalada e atendeu á necesidade de lles dar resposta ás necesidades do público lector debido ao peche total das dependencias e á suspensión das actividades.
A biblioteca municipal conseguiu reformular os servizos en tempo récord e sen aviso previo, reaccionando con toda celeridade para trasladar os servizos ao mundo virtual.
Deste xeito, transformouse, en boa medida, o xeito de organizar o traballo do persoal da biblioteca co fin de manter as medidas sanitarias e de seguridade das instalacións e durante a prestación de servizos foi preciso buscar alternativas a cuestións diarias.
Non se tratou tan só de potenciar a biblioteca na internet, onde xa contaban con iniciativas, senón de conseguir estar preto da comunidade e, sobre todo, do público infantil, ao ser este un dos colectivos máis vulnerables neste período e o que necesitou maior apoio para continuar co seu desenvolvemento cultural.
Todo isto supuxo unha iniciativa innovadora, pioneira e que confirma o traballo e o esforzo deste servizo.
O Concello do Grove amosou o seu orgullo e satisfacción por contar cun servizo desta calidade que, ademais, ten demostrado saber adaptarse a situacións verdadeiramente complexas garantindo o acceso á cultura de todos os veciños e veciñas.