Seis cooperativas e unha sociedade laboral presentarán no Culturgal os seus espectáculos e actividades
Por Redacción
A economía social estará representada na Feira de Industrias Culturais (Culturgal) que se celebra esta fin de semana en Pontevedra.
Da man da Consellería de Emprego e Igualdade, sete entidades do sector (seis cooperativas e unha sociedade laboral) presentarán o sábado espectáculos e actividades na feira, que nesta 13ª edición ofrece un límite de aforo presencial e emisión por streaming da súa programación.
A arte, o teatro, a narración oral e a música en directo protagonizarán as propostas das entidades participantes a través das actividades que se desenvolverán en bloques de dez minutos de duración entre as 19.15 e 20.15 horas dentro da Hora da Economía Social Galega.
A programación, dirixida a todas as idades, poderá verse en directo de xeito presencial no Espazo Foro do Pazo da Cultura ou a través da páxina www.cultur.gal e de Youtube.
Deste xeito, a economía social galega poderá amosar ao gran público o seu dinamismo, capacidade de adaptación e resistencia nun momento no que empresas, entidades e profesionais da cultura se están a ver afectadas polo cese de actividades, a cancelación ou adiamento de programacións como consecuencia das medidas de prevención contra a covid-19.
Na Hora da Economía Social participarán as cooperativas Cestola, que realizará unha intervención artística en vivo; Culturactiva, que ofrecerá un espectáculo de narración oral e música para público infantil. Baixo o título O pozo das señoras, da compañía Rilo & Penadique, convida a recuperar o patrimonio inmaterial a través da narración de lendas e historias reais.
Urdime presentará o espectáculo de teatro e de narración oral pola igualdade Carabranca, da actriz Iria Pinheiro (Premio María Casares á mellor actriz e mellor texto orixinal 2019 e Premio Maruxa Villanueva á interpretación 2019).
Miudiño traerá a Pontevedra o seu espectáculo musical Cantares para nos coidar, de Cé Orquestra Pantasma, cun pequeno repertorio vencellado á ecoloxía e aos coidados; e Charlatana presentará A apalpadora, un espectáculo da narradora oral Iseo Agilda, que aborda a historia dunha muller namorada da vida na montaña.
Ademais, a sociedade laboral Dezdedez presentará unha pequena pílula do Ciclo Metropolitano Pola Igualdade na Música e nas Artes Elas Son Artistas coa actuación musical de LAU e a pintura en directo de Eva Agra, de 7H cooperativa cultural.
Relacionadas:
-
Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021
Por Redacción |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
A cultura que trouxo a pandemia, no Culturgal con maior proxección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Culturgal será escenario de múltiples actividades culturais promovidas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
'Nación', de Margarita Ledo, presentouse no Teatro Principal dentro dos actos de 'Novembro, mes da memoria'
Por Redacción |
-
"Non hai pandemia que poida co Culturgal"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
O reparto e o director Alfonso Zarauza presentarán 'Ons' na apertura do Culturgal, antes da súa estrea nas salas comerciais
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra apoia o novo formato de Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal 2020, sen casetas pola covid-19: haberá actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming
Por Alejandro Espiño |