O Cineclube despedirá 2020 con "Longa noite" de Eloy Enciso
Por Alejandro Espiño
Chega o momento para que o Cineclube Pontevedra baixe o pano por este ano. Pero vaise a despedir por todo o alto. Farao coa proxección dunha das películas galegas más importantes dos últimos anos. Trátase de Longa noite, do realizador lucense Eloy Enciso.
O filme, grazas á colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia, poderá verse o martes 1 de decembro ás oito da tarde no Teatro Principal. As entradas serán de balde e poderanse recoller a partir das sete na billeteira do teatro.
Longa noite é unha orixinal indagación na posguerra española a partir da historia de Anxo, un home que regresa ao seu pobo no interior de Galicia.
Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere lembrar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario.
A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invadirán o presente.
Con motivo do peche da programación, o Cineclube Pontevedra agradeceu todas as mostras de apoio recibidas nestes últimos meses atravesados por protocolos covid-19, toques de queda, cambios de aforo, horario e incertezas varias.
"Grazas por apoiarnos en tempos tan hostís e grazas por facer evidente que, á parte dun ben esencial, a cultura é segura", destacan os seus responsables.
Relacionadas:
-
Un marzo de viaxe por Siberia, Lesotho ou Israel da man do Cineclube Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
As citas do Cineclube con Jean Renoir adiántanse unha hora polo toque de queda
Por Redacción |
-
Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube
Por Alejandro Espiño |