A Xunta lanza unha campaña para fomentar o consumo de produtos culturais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra unha campaña para fomentar o consumo de produtos culturais por parte da cidadanía co lema "O único xeito de apoiar á Cultura é gozala".
Román Rodríguez explicou que a campaña "busca concienciar sobre a necesidade de que todos nos impliquemos no mantemento dun sector que é estratéxico para a nosa comunidade".
Esta estratexia centrada na dinamización do consumo e na importancia de programar actividades seguras, se enmarca nas actividades impulsadas ao abeiro do plan de reactivación cultural, dotado con 26,4 millóns de euros e que establece unha folla de ruta coa que paliar o impacto inmediato da crise sanitaria.
A campaña difundirase nas rúas comerciais das cidades galegas, nos medios de comunicación e nas principais redes sociais. Estará baseada en cinco gráficas –teatro, libro, música, danza e cine– e contará tamén cunha forte presenza dixital, a través de plataformas como Instagram, Spotify ou Tik Tok, onde a Xunta de Galicia estará presente por primeira vez, co obxectivo de chegar a xente máis nova.
Román Rodríguez sinalou que esta é unha campaña "moi necesaria" e sinalou que está pensada especialmente no contexto do Nadal, onde os produtos culturais "poden ser un bo agasallo".
Ademáis na campaña participarán "algunhas das caras máis recoñecidas do panorama cultural galego" e se buscará a interacción coa cidadanía a través de cuestionarios e enquisas nas que a xente poderá compartir, entre outras cousas, cal é a súa obra de teatro favorita, o libro que quere que lle agasallen ou o primeiro espectáculo de danza que viu.
O deseño da campaña foi encargado as empresas pontevedresas OVO, Era Comunicación e Trisquelia e foi gravado en espazos culturais da Comunidade galega. A responsable da estratexia dixital, pola súa banda, será a axencia Nasas, da Coruña. Tamén é galega a banda sonora do spot: Alalá do Pai Iglesias II do músico Álvaro Iglesias, do Porriño.