Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A feira das industrias culturais de Galicia inaugurouse este venres no Recinto Feiral de Pontevedra nun acto que, como todo o programa do evento, está marcado polas restricións impostas para conter a pandemia da covid-19. A estrea da película Ons, de Alfonso Zarauza, serviu para levantar o pano dun evento que contou coa presenza do equipo de produción e artístitico da película, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.
Antes da estrea encargáronse da presentación da obra o propio director da mesma, Alfonso Zarauza; o produtor Xavi Font; e os actores Xulio Abonjo, Marta Lado e Antonio Durán, Morris. Acompañou tanto a presentación como a proxección do filme a música en directo de Chicharrón, o trío de Carballo que achegou á banda sonora da obra o tema "Na cela", inspirado nun poema de Antía Otero.
Ons conta cun universo propio que envolve ao espectador e que está marcado polo carácter propio desta illa da ría de Pontevedra. "Ons non é un thriller, é unha película con misterio", di o autor Zarauza, quen "quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso", explicou durante a presentación.
Antes da proxección, todos os asistentes tiveron a oportunidade de fotografarse no photocall, situado no vestíbulo do Pazo da Cultura, cos protagonistas da película.
"En tempos de crise, as persoas precisamos a Cultura máis ca nunca", iniciou o alcalde Fernández Lores o seu discurso previo á proxección da cinta."Que Pontevedra sexa a cidade que leva 12 anos, de trece, acollendo a Feira Culturgal non é casualidade. É a constatación de que estamos sempre en disposición de apostar polo fomento e a promoción da nosa cultura, a cultura propia, a galega, a que fai país. A que nos fai sentir orgullosos e orgullosas dentro e fóra das nosas fronteiras", engadiu o rexedor nunha alegación en defensa das políticas de protección da creación artística en Galicia.
"Pular pola cultura galega é unha cuestión de orzamento, pero non só. Tamén é unha cuestión de responsabilidade para co futuro do país, asentada na confianza nas nosas propias capacidades e na seguranza de que Galiza é un país rico en talento que merece ser defendido, apoiado e protexido. A Feira Culturgal traballa nesta mesma filosofía, reunindo proxectos, empresas e profesionais que fan grande este país. Por iso valoramos moi especialmente a valentía e o esforzo de todo o equipo da feira por manter esta cita", concluíu o líder do BNG en Pontevedra.
O evento concluíu co concerto de Chicharrón, o pase da película e a posterior charla co director, produtor e actores desta obra audiovisual con selo galego.
Relacionadas:
-
'Ons', a película de Alfonso Zarauza, xa pode verse nos cines comerciais de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Ons" celebra en Pontevedra ser a segunda película máis vista nos cines galegos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Teatro Principal acolle a estrea comercial da película 'Ons' de Alfonso Zarauza a vindeira semana
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021
Por Redacción |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
A cultura que trouxo a pandemia, no Culturgal con maior proxección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
"Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Seis cooperativas e unha sociedade laboral presentarán no Culturgal os seus espectáculos e actividades
Por Redacción |
-
O Culturgal será escenario de múltiples actividades culturais promovidas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non hai pandemia que poida co Culturgal"
Por María José Pita & Mónica Patxot |