A cultura que trouxo a pandemia, no Culturgal con maior proxección
Por Cristina Saiz & Redacción
Culturgal soubo facer do defecto, virtude e desde este venres está a vivir a súa edición con maior proxección. Sen stands nin portas abertas ao público masivo, podería parecer que a Feira das Industrias Culturais de Galicia viviría este ano a súa edición máis de portas a dentro e a realidade está a ser toda a contraria.
Con catro escenarios de programación no Pazo da Cultura e no Teatro Principal de Pontevedra e tres deles con transmisión en streaming, as máis de 70 actividades programadas están a chegar máis lonxe ca nunca. Segundo a información facilitada polos organizadores, o número de reproducións nas canles do evento chegou a 4.000.
A través da páxina cultur.gal e en YouTube, puido seguirse a programación de tres dos escenarios -o de cinema tan só foi presencial con convite previo- e a 'nova normalidade' da cultura que trouxo a pandemia da covid-19 cruzou fronteiras, en varios casos, ademais, con propostas culturais que saíron precisamente da crise sanitaria.
A través da web puideron seguirse os espazos Libro (Teatro Principal), Foro (Sala Exposicións do Pazo da Cultura) e Escena (Auditorio do Pazo) e desde calquera punto do planeta puideron seguirse as propostas de Susana Seivane, Luar na Lubre, Manuel Rivas, Elba Pedrosa, Ledicia Costas, Marta Pérez de Inversa Teatro ou as cooperativas culturais.
O espazo Foro situado na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra rebordou arte contemporánea e perfomances como a de Monica Mura e Maria Roca, xurdidas ao redor da distancia física imposta pola pandemia e da violencia machista, respectivamente.
Do eido literario pasaron polo escenario do Teatro Principal Ledicia Costas, Manuel Rivas, Antón Lopo, Eva Mejuto, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre e Rosalía Fernández Rial, entre outros.
Susana Seivane e Luar na Lubre foron os pratos fortes da xornada no escenario musical, baixo a etiqueta Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. A gaiteira tocou 20 minutos desde un balcón improvisado no auditorio do Pazo, desde o que proclamou que a cultura é boa e segura. En concreto, deu un dos seus concertos de desconfinamento, que iniciou durante a corentena para animar aos seus veciños. Pecharon o escenario de concertos ao vivo do sábado Luar na Lubre, co seu espectáculo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un album no que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago.
No eido cinematográfico, proxectáronse -con convite previo- dúas das películas do ano en Galicia: Arima de Jaione Camborda e A illa das mentiras, de Paula Cons. O público asistente tivo oportunidade de conversar coas directoras sobre os procesos de rodaxe e distribución de filmes nun ano marcado pola covid-19.
No Foro da Culturgal o sábado foron protagonistas institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Esta última, patrocinador principal de Culturgal, aproveitou a xornada deste sábado para ofrecer un avance da súa programación cultural para o vindeiro ano. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e Política Lingüística, Valentín García, incidiron na necesidade de fomentar a produción cultural nas súas diversas vertentes, así como de estimular a oferta e a participación social.
Así, avanzaron que o obxectivo da Xunta é que a cultura siga de xeito seguro, para o que os orzamentos recollen un 27,4% máis de investimento en 2021 no eido cultural, dando así continuidade ás medidas do Plan de Reactivación. Ademais, porán en marcha programas de dinamización cultural no ámbito da lectura, do audiovisual, das artes escénicas e musicais, así como das artes plásticas da proxección exterior da cultura galega.
Entre outras cuestións, abordaron os retos da cultura dixital e da cooperación entre Galicia e a cultura lusófona a través dos programas Nortear, aRi[t]mar e diversas actividades que se levan a cabo por medio do sistema educativo e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). No eido lingüístico, a xornada incluíu as obras e proxectos 'Chegar a Galicia, chegar ao mundo' ou 'Unha xustiza en diálogo co país. Conversas con Carlos Varela,' ademais do programa de dinamización para profesorado e alumnado '21 días co galego e +'.
Relacionadas:
-
Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021
Por Redacción |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
"Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Seis cooperativas e unha sociedade laboral presentarán no Culturgal os seus espectáculos e actividades
Por Redacción |
-
O Culturgal será escenario de múltiples actividades culturais promovidas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non hai pandemia que poida co Culturgal"
Por María José Pita & Mónica Patxot |