"Nadal saudoso e que veña mellor 2021", a felicitación que a memoria de Filgueira Valverde transmite na mostra 'Nadais'
Por Redacción
Desde este xoves ata o 24 de xaneiro, o Museo de Pontevedra acolle unha interesante exposición coas felicitacións do Nadal que o Xosé Filgueira Valverde recibiu durante anos de artistas, intelectuais e persoas recoñecidas na cultura como Maruja Mallo, Lugrís Seoane, Colmeiro, Díaz Pardo, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Dalí ou Mingote.
Este xoves o director do Museo Xosé Manuel Rey presentaba esta mostra na que se recollen máis de 80 pezas recibidas polo autor pontevedrés durante a súa etapa á fronte do Museo pontevedrés. Estas obras, coñecidas como 'Nadais', destacan pola singularidade artística, literaria e mesmo musical.
Trátase dunha selección entre as case 9.000 felicitacións que Filgueira Valverde recibiu e que forman parte da colección privada de postais. Moitas delas conteñen debuxos, textos e poemas orixinais que, ademais, permiten rememorar pequenos fragmentos da vida daqueles anos, sinalou Rey.
A inauguración coincide coa inclusión da palabra "Nadaliña" no dicionario da Real Academia Galega, unha palabra que era utilizada polo propio Filgueira Valverda e que agora foi admitida polo Seminario de Lexicografía da RAG, tanto como "canto de Nadal" como na súa acepción de "correo postal ou electrónica, con texto, imaxes e, por veces, con música".
A comisaria da exposición é a neta de Filgueira Valverde, Sabela Santos Filgueira, traballadora do Museo, que manifestou que a idea de realizar esta mostra comezou hai un ano cando a súa tía cedeulle a colección de "nadais", que mostran o afecto que había cara ao seu avó. Sabela Santos destacou a constancia dalgúns intelectuais como Isaac Díaz Pardo que lle enviou durante 30 anos consecutivos estas postais.
A exposición conta cun catálogo no que participaron Xesús Ferro Ruibal, Xesús Alonso Montero e Juan Manuel Monterroso analizando estas postais como un xénero artístico propio. Santos Filgueira pechou a presentación, na que tamén se atopaba José Fernando Filgueira, fillo do autor, lembrando as palabras coas que o propio Filgueira Valverde felicitaba as festas: "Nadal saudoso e que veña mellor... 2021"