Arturo Souto, artista pontevedrés líder do grupo dos Renovadores, é o protagonista de #aportapechada do Museo
Por Redacción
A integrante do departamento de Educación do Museo de Pontevedra Paula Tilve é a encargada este luns de realizar un repaso á traxectoria artística de Arturo Souto na actividade semanal de #aportapechada que promove a Deputación de Pontevedra.
Arturo Souto foi un pintor pontevedrés, o máis destacado do grupo de Renovadores, que reformulou a arte galega unindo tradición e modernidade. Este artista nacía na rúa Michelena no ano 1902 e formouse inicialmente na escola de Artes e Oficios de Sevilla.
Recibiu dúas bolsas de estudo da Deputación de Pontevedra, que lle permitiron viaxar a París, unha viaxe que marcou un antes e un despois na súa produción artística, abríndose á vangarda. A obra que entregou tras a súa primeira bolsa ao Museo atópase agora cedida para unha exposición do Museo Thyssen en Madrid.
Os traballos daquela época ofrecen composicións baseadas en liñas oblícuas, con debuxos intencionadamente torpes e sintéticos, explica Paula Tilve. A temática sempre é Galicia e o campesinado pero foxe do rexionalismo. Entre as pezas que se poden ver no Museo de Pontevedra atópanse obras nas que destaca a figura feminina ou a profesión de canteiro, ademais de traballos nos que recrea a praza da Pedreira e as Ruínas de San Domingos da cidade.
En 1934 recibiu unha bolsa de estudos da Academia Española en Roma e a influencia que recibiu nesta etapa obsérvase en obras como 'Máscaras', que parece un avance da guerra civil, un momento histórico no que se viu obrigado a emigrar polas súas ideas políticas de defensa da República. Arturo Souto falecería en México en 1964.
Relacionadas:
-
Remata o espazo #aportapechada cun achegamento aos Gravados de Goya gardados no Museo
Por Redacción |
-
Coñece as singularidades do Edificio Sarmiento a través de #aportapechada do Museo
Por Redacción |
-
#Aportapechada amosa a parte "invisible" do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Familias pontevedresas exiliadas por mor da represión franquista serán homenaxeadas no Mes da Memoria
Por Redacción |