O Teatro Principal acolle a estrea comercial da película 'Ons' de Alfonso Zarauza a vindeira semana
Por Mónica Patxot & Redacción
Alfonso Zarauza síntese querido en Pontevedra. O director de 'Ons' comprobou como a cidade do Lérez estreaba a súa película no marco do Culturgal que se desenvolvía no Pazo da Cultura. O día 18 a película rodada na illa pertencente a Bueu estará en dez salas comerciais galegas pero en ningunha de Pontevedra nin de Ourense. Ante esta situación, o Concello de Pontevedra púxose en contacto coa distribuidora para resolver esta carencia e permitir ao público da cidade poder ver este film.
Deste xeito, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro luns 21 de decembro e o martes 22 a proxección de 'Ons' a partir das 20.00 horas. O prezo das entradas é de cinco euros e a capacidade estará limitada a 98 persoas en cada unha das sesións, tras a ampliación do número de espectadores para espazos pechados decidida polas autoridades sanitarias. Así o explicaba a concelleira de Cultura Carmen Fouces este luns acompañada por Alfonso Zarauza na presentación desta estrea comercial.
O propio director asistirá a unha das sesións para ofrecer información ao público asistente sobre a rodaxe da película, que resultou moi complicada. 'Ons' conta cun elenco actoral encabezado por Melania Cruz e Antonio Durán 'Morris' con nomes como o do actor pontevedrés Xúlio Abonjo; Marta Lado ou o carismático Miguel de Lira.
A trama conta a historia do doutor Vicente, que chega coa súa esposa Marina á illa coa intención de pasar o verán, curar da depresión que sofre tras a morte da súa amante e recuperar o matrimonio. Vendo que vai mellorando decide pasar tamén o outono. Tras producirse un naufraxio, unha muller misteriosa aparece na illa para cambiar toda a situación.
Zarauza invitou o público pontevedrés a ver esta obra que, sendo cine de autor, "pode gustar a moita xente, ben por estar rodado en Ons, pola vinculación coa illa, por cuestións paisaxísticas, etnográficas, lingüísticas ou pola propia trama en si". O director sinalou que a cultura non debe medirse exclusivamente desde un punto de vista material, senón como elemento espiritual e lembrou que para ter un país punteiro, hai que ter unha cultura punteira.
A concelleira Carmen Fouces afirmaba neste sentido que a lingua galega ten representación en moitos ámbitos e malia a que no terreo cinematográfico os avances foron máis lentos, a potencia e relanzamento actual é maior que noutros eidos culturais.
As entradas poden adquirirse xa a través de Ataquilla.com. De non esgotarse, a billeteira do Teatro Principal estará aberta entre as 18.00 e as 19.00 horas dos dous días de proxección.
Relacionadas:
-
"Ons" resiste na carteleira de Pontevedra tras superar os 5.000 espectadores en toda Galicia
Por Redacción |
-
'Ons', a película de Alfonso Zarauza, xa pode verse nos cines comerciais de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Ons" celebra en Pontevedra ser a segunda película máis vista nos cines galegos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O reparto e o director Alfonso Zarauza presentarán 'Ons' na apertura do Culturgal, antes da súa estrea nas salas comerciais
Por Redacción |