"Ons" celebra en Pontevedra ser a segunda película máis vista nos cines galegos
Por Redacción & Mónica Patxot
Non adoita ser habitual que unha película galega se sitúe como a máis vista da taquilla, nalgúns cines mesmo por encima de superproducións de Hollywood como Wonder Woman 1984. Pois iso é o que logrou Ons, a nova película de Alfonso Zarauza.
Esta noticia coincide cos dous pases que puido ver o público pontevedrés no Teatro Principal, ambos coas entradas esgotadas desde hai días.
Á sesión deste martes acudiu o director da película, acompañado de dous dos seus protagonistas, os actores Xúlio Abonjo e Melania Cruz, que participaron nun coloquio posterior á proxección do filme, que desatou os aplausos dos espectadores.
O público de Pontevedra, igual que no resto de Galicia onde está en cartel, respondeu de maneira moi positiva a esta película, rodada integramente na illa de Ons.
É un drama emocional con toques de misterio protagonizado por un matrimonio en crise que trata de salvar a súa relación vivindo unha tempada na illa e cuxo destino se cruza co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia.
Ons está dispoñible en salas de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Marín, A Estrada e Caldas de Reis, así como en Madrid e Barcelona. A próxima semana incorporaranse a esta lista, entre outras, salas de Narón e Palma de Mallorca.
Esta película é a quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014).
Relacionadas:
-
A mirada "honesta" de Alfonso Zarauza sobre Pontevedra converterase en película
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Ons" resiste na carteleira de Pontevedra tras superar os 5.000 espectadores en toda Galicia
Por Redacción |
-
'Ons', a película de Alfonso Zarauza, xa pode verse nos cines comerciais de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Teatro Principal acolle a estrea comercial da película 'Ons' de Alfonso Zarauza a vindeira semana
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O reparto e o director Alfonso Zarauza presentarán 'Ons' na apertura do Culturgal, antes da súa estrea nas salas comerciais
Por Redacción |
-
A película ‘Ons’, rodada por enteiro na illa, competirá no Festival de Cine Europeo de Sevilla
Por Redacción |