Fondos inéditos de Concepción Arenal integran un libro editado polo Museo de Pontevedra
Por Redacción
Manuscritos orixinais de oito pezas de teatro en verso custodiados polo Museo de Pontevedra forman o libro Concepción Arenal. Obra dramática, unha obra de Eva Pena Rodríguez e María Jesús Fortes Alén coa que a institución súmase ao segundo centenario do seu nacemento.
Estas oito pezas son, segundo as autoras, moi representativas da faceta literaria de Concepción Arenal, menos coñecida e difundida que a súa produción teórica e social.
O sentido da honra, o perdón, a redención, a fidelidade, os conflitos persoais internos e o difícil papel da muller da época, que intenta impoñerse aos designios que para ela teñen trazados os protagonistas masculinos, son unha constante nestas páxinas.
A súa lectura, áxil e entretida, traslada ao lector a conflitos que perduran na actualidade porque son inherentes á condición humana, destacan desde o Museo de Pontevedra.
Esta publicación permite a lectura dos orixinais da produción escénica de Arenal que custodia o Museo por decisión dos seus herdeiros, que confiaron na institución para preservalos para o futuro.
O estado dos manuscritos é moi desigual. Algúns consérvanse como borradores nos que houbo que facer un cotexo dos distintos apuntamentos para darlle un sentido lóxico á trama ata o seu desenlace. De feito, un dos dramas, Des Angles, está inacabado.
Outros, pola súa presentación, encadernación e caligrafía pode dicirse que foron dados por terminados pola propia autora, incluso o titulado Los hijos de Pelayo, que ela mesma describiu como drama lírico e que foi considerada por varios coetáneos e investigadores actuais como o libreto dunha zarzuela.