'Os Animais de Fraguas', libro inédito do autor cotobadés cos deseños de Kiko da Silva e Miguelanxo Prado
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade informa da publicación dun novo libro titulado 'Os animais de Fraguas' a partir dun manuscrito inédito de Antonio Fraguas atopado entre o legado que se custodia no Museo do Pobo Galego do autor nado na parroquia cotobadesa de Santiago de Loureiro e a quen en 2019 se lle adicou o Día das Letras Galegas.
O libro ilustrado 'Os animais de Fraguas' recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado pola Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego coa colaboración do filólogo Antón Santamaria e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sanjiao. Conta ademais coa achega económica para a súa publicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Esta obra xorde do traballo de catalogación realizado pola responsable da Biblioteca e patroa do Museo do Pobo Galego, Rosa Méndez García, que no momento de ir clasificando o enorme legado deste intelectual galego descubriu uns manuscritos en galego que contiñan interesantes acotacións que describían algunhas lendas, consellos e coplas populares arredor de distintos animais que forman o universo de Antonio Fraguas.
Segundo Francisco Javier Sanjiao Otero, o secretario da Fundación Antonio Fraguas, "nun primeiro momento cabía pensar que esas follas atopadas recollían o capítulo dedicado aos animais no folclore no seu libro 'La Galicia insólita', publicado en 1973 por Librigal, pero constatamos que aínda tendo algunha coincidencia, o contido deste manuscrito, que non está datado, permanecía inédito. Despois de transcribir o manuscrito foi entregado para a súa lectura a persoas que consideraron interesante dalo a coñecer coa súa publicación, malia estar lonxe de ser un traballo rematado", indicaba Sanjiao.
Deste xeito, co asesoramento lingüístico do profesor e patrono do Museo do Pobo Galego Antón Santamarina Fernández púxose ao día o texto escrito por Antonio Fraguas para unilo a unha serie de ilustracións, para o que tamén se contou coa colaboración do debuxante galego Kiko da Silva quen desde un primeiro momento amosou a súa disposición a participar neste proxecto ilusionante, para o cal contactou co ilustrador galego mundialmente coñecido Miguelanxo Prado, que achegou fermosos debuxos que enriquecen o texto, creando un diálogo entre a súa linguaxe visual e o texto de Antonio Fraguas.
XUNTANZA DO PADROADO DA FUNDACIÓN ANTONIO FRAGUAS
Previamente á presentación o libro, celebrouse a xuntanza do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, na que se aprobou o informe de xestión e se trazaron as liñas de traballo a seguir no vindeiro ano, así como os seus orzamentos.
Na reunión estivo presente o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xa que o Concello, o berce de Antonio Fraguas, forma parte do padroado como persoa xurídica. Desde a entidade municipal informaban que, pese ás dificultades derivadas das restricións establecidas por mor da pandemia da covid-19, "o Padroado márcase como obxectivo seguir poñendo en valor e divulgando o enorme legado material, intelectual e literario de Antonio Fraguas Fraguas como xeito de reivindicar e homenaxear a súa figura e a súa obra retomando os compromisos marcados no Ano Fraguas que aínda están vixentes".
Relacionadas:
-
Cotobade acolleu a presentación do libro "Na lembranza dos veciños", de Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
A 'Galicia insólita' de Os de Algures pon en pé o Teatro Principal de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Presentan un documental e un vídeoclip sobre a figura de Antonio Fraguas
Por Anxo Lourido |
-
Letras Galegas 2019: Antonio Fraguas, o home que contribuíu a dignificar o galego
Por Redacción |