Revenidas anuncia nova edición para setembro de 2021 e celébrao con tres showcookings
Por Alejandro Espiño
Os días 10, 11 e 12 de setembro. Son as datas elixidas polo festival Revenidas para a súa edición de 2021. Será, como é habitual, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) e sempre estudando distintas opcións e seguindo con atención a evolución da pandemia.
Para celebrar este anuncio, os organizadores do festival quixeron despedir o ano poñendo en valor un dos piares fundamentais do festival: a gastronomía.
Como na súa última edición non puido celebrarse a tradicional "Sardiñada Revenidas" en Vilaxoán, o festival pon en marcha esta iniciativa coa que quere apoiar o produto e a hostelería das Rías Baixas.
Consistirá na emisión en streaming, este martes 29 de decembro ás oito da tarde, de tres showcookings en algúns dos restaurantes máis recoñecidos e emblemáticos do país: Maruja Limón (Vigo), As Eiras (Vilaxoán) e a Horta d'Obradoiro (Santiago de Compostela).
O menú consistirá en "peixe sapo á prancha en salsa de mexillóns rabiosos" preparado por Rafa Centeno, "raia en allada" preparada por Sefa e "pataca asada con paté cremoso de mexillón tigre e vieira duada", que cociñarán Kike Piñeiro e Eloy Cancela.
O festival vilaxoanés alíase nesta ocasión con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra para levar a cabo esta iniciativa coa que buscan potenciar o consumo de produtos galegos e de quilómetro 0 nestas datas tan especiais.
Relacionadas:
-
O festival Revenidas celebrarase do 9 ao 12 de setembro en Vilaxoán
Por Redacción |
-
O Revenidas, ante a súa edición máis galega e cun formato "en conserva"
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |