As mulleres, protagonistas do décimo aniversario de Chámalle X
Por Oskar Viéitez
Chámalle X está de aniversario e para celebralo, estas xornadas de artes de acción presentan na súa última edición un programa moi especial no que toman protagonismo nove artistas galegos de recoñecido prestixio e traxectoria no eido da performance.
Como principal novidade, nesta ocasión non só serán as rúas e prazas de Pontevedra as que acollan estas actividades senón tamén diversos espazos públicos da cidade de Ourense.
A través desta iniciativa, a organización pretende homenaxear aos máis de 30 artistas galegos que colaboraron desinteresadamente ao longo destes últimos dez anos nesta innovadora proposta artística realizando unha pequena selección entre todos eles, tal e como explicou este mércores o coordinador das xornadas, o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo.
As nove propostas seleccionadas para esta última edición das xornadas Chámalle X teñen un interese especial xa que a presenza das mulleres artistas é máis notoria ca nunca, asegura Tejo.
As pontevedresas prazas da Peregrina e a de España serán os primeiros espazos públicos en acoller, este venres 13 de setembro, as performances de Amaya González (Alegoría) e Alba Blanco (Chumba 3). González traballará con material reciclado e metal mentres que Blanco "precisará da axuda doutras tres persoas para realizar un percorrido complexo ao redor da praza", explicou Carlos Tejo.
O sábado 14 continúan as actividades na praza da Leña da man de María Marticorena e Ana Gesto con Instintos de doo e Xesto é sombra, respectivamente.
O domingo 15 tócalle a súa quenda a David Crespo de novo na Peregrina coa súa Técnica do balón. Ironía, humor e o absurdo únense para crear unha metáfora que dun heroe que decide achegarse no mundo dos campionatos deportivos, comentou o coordinador.