As funcións virtuais de teatro de 'Prendendo butacas' chegaron a 2.000 fogares este Nadal
Por Redacción
O programa 'Prendendo butacas na casa' da Deputación Provincial de Pontevedra chegou a máis de 2.000 persoas ao longo do pasado Nadal, permitindo que en todos eses fogares se puidera gozar durante as festas de sesións virtuais de teatro sen necesidade de saír da casa.
Con este programa, a Deputación quixo achegar este Nadal o teatro a todos os fogares da provincia e desde o día de Noiteboa ata o domingo 3 de xaneiro logrou un "excepcional respaldo" do público. Cada unha destas funcións estivo a disposición do público durante 24 horas na páxina da Deputación.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o elevado seguimento desta primeira experiencia de teatro virtual que organizou a Deputación para ofrecer programación teatral a pesar de que as restricións da pandemia obrigaran a reformular as funcións presenciais previstas para o pasado outono en diversos concellos.
O programa ofreceu un total de oito funcións virtuais das compañías Cooperactiva, Butaca Zero, Ibuprofeno Teatro, A Feroz, Baobab Teatro, Viravolta, Tanxarina Títeres e Educa Teatro, maioritariamente da provincia.
O pico das visitas rexistradas tivo lugar o día de Nadal, 25 de decembro, con preto de 200 para ver a obra 'Camiños', de Butaca Zero; seguida de 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro.