'O Pórtico da Gloria' de Villafinez deixa o Museo Manuel Torres para ser restaurado
Por Redacción
A obra pictórica 'O Pórtico da Gloria' do pintor marinense Lino José Villafinez restaurarase durante este 2021, segundo anuncia o goberno local de Marín. O cadro atopábase no Museo Manuel Torres e será trasladado ao taller de Eva Fontoira para que se revitalice.
Este traballo era realizado por Villafinez no ano 1933 en Santiago de Compostela, onde pintou centos de veces este pórtico utilizando unha fidelidade característica. O autor destacaba por realizar obras de paisaxismo urbano e monumental.
Segundo o Concello de Marín, o estado de conservación do cadro non era excesivamente bo e tanto o lenzo como o marco precisaban unha intervención. O marco é de moldura sinxela policromado en verde e marrón, cun fío dorado entremedias. Estaba oxidada a capa de verniz, que crea unha atmosfera de bruma amarela que distorsiona a cor orixinal da pintura.
A restauradora Eva Fontoira será a encargada de desenvolver os traballos coa idea de que no prazo dun mes se realice todo o proceso de revitalización desta recreación do Pórtico da Catedral de Santiago.
Desde o Concello indican que a recuperación desta obra en pleno ano Xacobeo dá un maior valor a esta obra dentro desta época na que Galicia se converte nun faro de referencia cultural, histórica e de tradición arraigada no Camiño de Santiago, afirmou a concelleira Itziar Álvarez.