As circunstancias sanitarias obrigan a suspender o concerto do Cuarteto Quiroga
Por Redacción
A Sociedad Filarmónica de Pontevedra decidiu, nas últimas horas, suspender o concerto do Cuarteto Quiroga que programara para as persoas asociadas a esta institución para o vindeiro luns 18 de xaneiro no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.
O motivo da suspensión atópase nas actuais circunstancias sanitarias que obrigan a restricións de público asistente. Segundo a xunta directiva este factor foi determinante para adoptar esta decisión.
O Cuarteto Quiroga ía ofrecer un concerto cun programa dedicado integramente a obras de Ludwig van Beethoven. A intención da xunta directiva e da agrupación musical é reprogramar este concerto para dentro dun ano, no mes de xaneiro de 2022.
Polo momento, a Sociedad mantén os concertos previstos para os meses de febreiro e de marzo, á espera de comprobar como evoluciona a pandemia e das decisións das autoridades sanitarias para os próximos meses.