Xa en prevenda 'Munajil', a novelette de ciencia ficción da pontevedresa Cristina Ogando
Por Redacción
Cristina Ogando é unha pontevedresa historiadora da arte e cronista. Colaborou con artigos de opinión en PontevedraViva e agora decidiu lanzarse ao mundo da narrativa de ciencia ficción coa publicación de 'Munajil', unha novelette que se desenvolve nun planeta sen natureza e dividido en varios niveis, Fawdaa.
A protagonista desta historia é Sahira, unha asasina que se esperta no hospital cun brazo mecánico e sen a metade da súa alma. Unha vez que fala co doutor, Sahira agarra a súa gadaña e xura iniciar o seu plan de vinganza sen ter en conta as consecuencias.
Esta obra forma parte do Proxecto Unhu, unha iniciativa para mostrar personaxes racializados. Na trama preséntanse situacións de corrupción, vinganza e amor cunha protagonista que conta cunha identidade de antiheroína atormentada.
Este traballo desenvólvese en 140 páxinas e está publicado pola editorial Literup e ten un prezo de 2,37 euros en formato dixital e en formato físico sae por 10,17 euros.
A autora Cristina Ogando foi gañadora na antoloxía Érase otra vez (2019) co relato "Bestia" e repetiu selección en Érase otra vez… Villanos (2020) con "La ciudad maldita". Tamén se deixou caer na antoloxía Fernweh: rumbo a lo desconocido (2019) con "El paraíso perdido" e aloxouse na habitación 149 de Bienvenidos al Hotel Caronte (2020) con "La astilla del tiempo", ambas as dúas de Literup Edicións.