Pablo Cacheda: Pontevedra ten que ser explotada audiovisualmente
Por Anxo Lourido
Cacheda de Paz. Pablo ten apelidos que encaixan ben debaixo da palabra "director" nunha pantalla. Este pontevedrés, con só 23 anos, leva xa tres curtametraxes as súas costas e participou en deceas de proxectos audiovisuais que compaxina co seu traballo de auxiliar de cámara na rodaxe da serie Padre Casares. A barba e un xesto de serenidade fanlle parecer un veterano, como se tivese unha perspectiva distante das cousas. A súa terceira curtametraxe ten por título Unhas clases do social a tempo. Rodada en Pontevedra, é un proxecto no que conta con dous actores coñecidos como son Carlos Blanco e Santi Romay. Pablo cre que aínda lle queda moita traxectoria a esta curta estreada hai case un mes.
- Despois de ter estreado o 5 de outubro e de ter presentado a curta unha semana despois en Internet estamos movéndonos co tema das proxeccións. Vamos ter unha máis en Pontevedra no Liceo Mutante, outra presentación en Madrid e outra na Coruña. E estamos combinando a proxección da curta con outros espectáculos: monólogos, malabares... Estamos movéndoa polos festivais e facendo seguimento para ver como está funcionando a curta online e saber canta xente a ten visto ata o momento.
- E como está sendo a reacción do público?
En relación coa curta a sensación é boa. Porque é divertida. Parece que agora a xente non ten nin cinco minutos para ver unha curta, pero a xente si que a ve. E iso é bo, é divertida e se deixa ver. Ese é o noso primeiro triunfo. ÿ unha sensación moi boa.
- Ademais, a estrea no IES Sánchez Cantón resultou todo un éxito.
A estrea foi moi bonita. No Sánchez Cantón portáronse xenial con nós dende a rodaxe ata o final. Máis de duascentas persoas na estrea é unha sensación moi boa. Fixemos unha curta e un evento. ÿ unha práctica máis que é o que nos animou para facer novas proxeccións en público.
- Que posibilidades hai de que teña continuidade?
O público di: deste tipo de situacións se podería falar moitísimo máis. Agora é cuestión de pensalo. Non sei se en forma de outra curta, dunha serie. Todo iso hai que producilo e velo. Hai que estudar as distintas posibilidades.
- Unhas clases do social a tempo foi realizada a través do sistema de microfinanciación, con pequenas aportacións de distintos comerciantes, seguidores e amigos. Como resultou a experiencia?
ÿ complicado. ÿ un traballo de campo. Ten que ser un proxecto ben realizado. Facer un dossier. Ter claro a xente que vai participar, os actores e os sitios onde queres gravar. Iso é a preprodución que hai que ter rematada cando vas buscar o diñeiro. No noso caso, a mitade do equipo técnico xa estaba apalabrado. Os actores comprometéronse dende moi pronto. E así todo volveuse moito máis doado. E despois hai que ir tenda por tenda. Hai xente que non che presta atención, outra que se interesa e non pode participar e outra que se entusiasma.
Non me sentín intimidado ao dirixir a Carlos Blanco
- Por certo, como conseguiches involucrar a Carlos Blanco e a Santi Romay nesta aventura?
A un actor como Carlos Blanco ou como Santi Romay ten que lles gustar o proxecto e ver algo. No caso de Carlos, conseguín o seu correo electrónico e púsoxe en contacto comigo. Dixo que me quería coñecer e a partir de aí adaptamos as datas para poder rodar con el. No caso de Santi Romay coñecíao un pouco máis. A el gustoulle o seu personaxe dende o principio.
- Non te senteches algo intimidado ao traballar con actores recoñecidos e experimentados?
Intimidado non. Cando tes un proxecto en mente, ninguén o vai ter máis claro ca ti. Isto enténdeno os actores. Canto máis experimentados, mellor. Os dous aportaron as súas ideas e implicáronse no guión. E dábanme consellos. Cando din algo que cren que pode mellorar o proxecto, hai que lles facer caso. Nunha rodaxe é fundamental conseguir un ambiente de traballo que resulte cómodo para todos.
- Como elaboraches a idea e o guión?
Foi durante un período en Portugal de catro meses cando rodaba outra curta e coincidiu cunha época de pouco traballo. E aproveitei eses intermedios para elaborar a idea. E todo tivo que ver con situacións que me teñen pasado cos meus amigos moitas veces. Outras quedáronse polo camiño. Se cadra algún día teñan cabida nunha longametraxe.
- Agora imaxino que tentaredes presentalo a certames e festivais de curtametraxes.
Vamos presentalo a todos os festivais de Galicia. Temos feito versión con subtítulos en castelán e a seguinte semana farémolo en inglés e trataremos de presentalo a todo o que se poña por diante. Agardamos que se poida proxectar internacionalmente. Sería un gran éxito. Igual que xa é un éxito presentalo o 5 de novembro en Madrid.
- Como ves Pontevedra como plató de cine?
Pontevedra non está de todo explotada audiovisualmente como si o están Vigo e A Coruña. Ten a desvantaxe de que a xente ao non estar afeita, non é tan receptiva. Pero hai que explotala, os entornos de Pontevedra son moi interesantes. Fíxate, cando fixemos o casting moitos dicían: eu participei na película de Mario Iglesias, De Bares. Pero hai moito espazo entre proxecto e proxecto. Vigo ou A Coruña son cidades máis queimadas. Se a alguén lle preguntas en que película veuse Pontevedra dirán A lingua das bolboretas que é de hai doce anos. Quizáis xenerouse a idea de que esta cidade non é rendible audiovisualmente. Ao final, unha cidade é o que é pola xente que hai nela. Se a xente fai cousas, habería que amosalas.
- E en canto a novas maneiras de difundir o traballo, que está supoñendo Internet para Unhas clases do social a tempo?
Unha curtametraxe se non se emite en internet tardará moito en verse noutro sitio. E unha curta ten que verse inmediatamente para que poida ter saída. Internet permite iso e así pode difundirse con rapidez.
A curtametraxe Unhas clases do social a tempo podes vela aquí: