A Deputación anuncia as actividades ao redor do Día de Rosalía
Por Redacción
O vindeiro 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía co fin de homenaxear o nacemento da figura máis relevante da literatura galega, Rosalía de Castro (1837-1885).
No seu 184 aniversario, a Deputación de Pontevedra vai lembrar á escritora cunha "potente" programación cultural, tal e como afirmaba a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, no avance dos actos conmemorativos.
Como novidade, a Deputación promoverá a acción "Proxectando a forza de Rosalía!" que se desenvolverá no Pazo provincial en Pontevedra, así como tamén nos concellos de Caldas, Bueu, Silleda, Salvaterra, Oia e O Rosal. Consistirá na iluminación da fachada do edificio principal cunha imaxe e unha frase de Rosalía de Castro. "Un mapping que alumeará o Pazo entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo", explicaba Silva, ao mesmo tempo que convidaba á participación cidadá: "a idea que temos é que o público comparta as súas fotografías coas fachadas alumeadas nas redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía".
Ademais, o propio Día de Rosalía terá lugar un acto cultural sen público presencial no Pazo provincial, que poderá seguirse en liña a través das canles institucionais e contará con servizo de interpretación de lingua de signos. Consistirá na lectura en remoto de poemas de Rosalía a cargo de nenas e nenos dos centros educativos da provincia. Ademais lerase o manifesto, elaborado por Anna R. Figueiredo, e impulsado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e actuará a artista Uxía Senlle.
Ademais, este ano a institución convoca un concurso creativo de debuxo titulado "A nosa Rosalía", xa aberto e que está destinado ao alumnado dos centros de Educación Primaria da provincia que pode participar, de xeito individual, elaborando un debuxo "inspirado ben na personaxe, ben na vida ou na obra de Rosalía" a través de dúas categorías: "Campaniñas", para nenas e nenos de 1º a 3º de primaria, e "Airiños", de 4º a 6º.
Para participar cómpre descargar en primeiro lugar un documento modelo, xa dispoñible na web: www.depo.gal. Unha vez realizado o debuxo, os nenos terán que entregarllo ao seu mestre ou á dirección do centro para que o remita escaneado ao correo electrónico anosarosalia@depo.gal. A data límite para o envío dos debuxos é o vindeiro venres 19 de febreiro. Todos os participantes recibirán un agasallo didáctico. Os dous mellores debuxos, un por cada unha das categorías, serán anunciados o Día de Rosalía e conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de "Polo Correo do Vento".
Relacionadas:
-
Instagram tamén conmemorará o día do nacemento de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A UVigo celebrará o Día de Rosalía en formato virtual e aberto
Por Redacción |
-
O Día de Rosalía celebrarase con decoración floral na Alameda e unha exposición na Biblioteca
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Recrean unha visita de Rosalía de Castro á Deputación con motivo da celebración do 183 aniversario do seu nacemento
Por Sara Iglesias & Boris Rodríguez Pintos |
-
"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga"
Por Redacción & Roberto Alonso Pereira |
-
A figura de Rosalía de Castro paseará pola contorna da Deputación nos actos previstos na súa memoria
Por Redacción |