A industria musical galega xuntarase en Pontevedra para entregar os I Premios Galegos da Música
Por Alejandro Espiño
Apuntade a data: venres 13 de decembro, ás 21.00 horas. A industria musical galega ten unha cita no Pazo da Cultura de Pontevedra. Xuntaranse na cidade para asistir á cerimonia de entrega da I edición dos Premios Galegos da Música. Esta iniciativa será presentada este venres 20 de setembro, ás 11:30 horas, no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
Esta primeira edición dos Premios Galegos da Música, que están patrocinados pola empresa Martín Códax, é unha iniciativa de Músicos ao Vivo, unha asociación profesional que naceu hai cinco anos co obxectivo de agrupar e unificar as inquedanzas dos músicos de directo. O obxectivo fundamental destes premios é dotar de visibilidade á realidade musical galega e poñer en valor todo o potencial e creatividade que posúe este sector.
Os premios corresponderanse con 13 categorías: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Jazz, Metal, Hiphop e músicas urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Clásica e Contemporánea, Folk, Tradicional, Músicas do Mundo, Electrónica, Infantil e Orquestra, Grupos e Músicas de Verbenas. Así mesmo, entregarase un Premio Honorífico a toda a carreira, "que se outorgará a unha figura dentro da música galega, cuxa traxectoria artística e profesional constitúa un referente para as futuras xeracións".
O nome dos tres finalistas de cada categoría, elixidos a través dos votos dos socios da asociación Músicos ao Vivo, coñecerase o 15 de novembro. O próximo venres publicaranse as bases dos premios e abrirase o prazo de presentación de candidaturas, un trámite libre e gratuito. Tras estes dous procesos, elixirase ao gañador entre os tres nominados.
Poden optar a estes premios todos os proxectos musicais galegos que estean vixentes e en activo neste ano 2013, entendidos como tales grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia ou fóra da comunidade pero protagonizados por músicos galegos. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galegos, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2013, nin ter editado disco algún.