Caldas de Reis quere contaxiar a vitalidade dos Cantares de Rosalía
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través do seu Departamento de Cultura, sumarase o mércores 24 de febreiro á conmemoración do Día de Rosalía, a escritora galega máis universal.
A localidade participará no proxecto da Deputación de Pontevedra, que baixo o nome de "Coa forza de Rosalía", quere contaxiar a vitalidade dos cantares da autora galega. Para iso, realizarase unha proxección de frases e versos de Rosalía que será exposta na Praza das Palmeiras e que poderá seguirse de maneira virtual a través das canles oficiais da Deputación e do mesmo Concello.
Así mesmo, Caldas de Reis organiza outra actividade dirixida a nenas e nenos e que consistirá nun obradoiro virtual ao que se accederá a través dunha ligazón nas redes sociais do Concello, e que estará dispoñible desde o 24 de febreiro e ata o 4 de abril. Trátase dun obradoiro que se pode realizar desde a casa, e que consiste na elaboración dunha rosa de papel onde se poderán ler versos dun poema de Rosalía. Para esta actividade escolléronse partes do poema "Vente rapaza" do libro "Cantares Gallegos".
A concelleira de Cultura, María López Buceta, recorda os estreitos vínculos de Rosalía de Castro con Caldas de Reis, onde se beneficiou das propiedades das augas da vila termal, e así o deixou constatado nunha carta de 1864 a Eduardo Pondal onde literalmente lle comunicaba as bondades das augas caldenses: "...Por mi parte, le puedo asegurar que las aguas de Caldas obraron en mí un verdadero milagro. Pasé todo este invierno (que ha sido crudo) sin un constipado, cosa que en mí casi parece imposible...".
Relacionadas:
-
'Imos contar historias', o vídeo que recolle a memoria oral das xentes de Caldas
Por Redacción |
-
"Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Instagram tamén conmemorará o día do nacemento de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Ponte Caldelas e Bueu celebran o Día de Rosalía nas súas bibliotecas
Por Redacción |
-
Charlas en liña, visitas virtuais e unidades didácticas para celebrar o Día de Rosalía
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A UVigo celebrará o Día de Rosalía en formato virtual e aberto
Por Redacción |