Un marzo de viaxe por Siberia, Lesotho ou Israel da man do Cineclube Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras o parón obrigado pola covid-19, o Cineclube Pontevedra retoma a súa actividade no mes marzo. Vai a facelo con catro películas que invitarán aos espectadores a viaxar a terras tan remotas como Siberia, Lesotho ou Israel, segundo destacan os seus responsables.
A programación de marzo arrancará o 2 de marzo coa película Braguino, do director francés Clément Cogitore. É a historia de dúas familias da taiga siberiana que viven illadas a máis de 700 quilómetros da aldea más próxima. Non falan entre elas e teñen as súas propias normas.
O río actúa coma fronteira entre elas mais tamén como lugar de encontro entre as crianzas das dúas familias, onde crean novos vínculos, alleos aos conflitos adultos, guiadas unicamente pola imaxinación. Pero o conflito ancestral entre os dous clans non é doado de superar.
De África chegará o 9 de marzo o filme This is not a burial, It’s a resurrection (Non é un enterro, é unha resurrección). Dirixida por Lemohang Jeremiah Mosese, a historia transcorre nas montañas de Lesotho, onde reside unha viúva de 80 anos que chora a morte do seu fillo e pon orde nos seus asuntos.
Pero cando a súa aldea se ve ameazada pola construción dunha presa, as ganas de vivir apodéranse dela e é quen de espertar un espírito colectivo de resistencia na súa comunidade.
O día 16 será a quenda de Those that, at a distance, resemble another (A imaxe e semellanza) da realizadora británica Jessica Sarah Rinland, gravada en distintos parques nacionais, institutos de preservación, museos de historia natural, de arte e laboratorios de arqueoloxía.
A película explora a necesidade humana da conservación, tendo coma protagonista o cabeiro de marfil dun elefante.
O mes de marzo pechará para o Cineclube coa proxección, o día 23, da película Being Gderot (Entre reixas) do director israelí Avi Mograbi e ambientada nun centro de detención de solicitantes de asilo procedentes de África que hai en pleno centro de Israel.
Alí deciden facer un obradoiro de teatro que comeza cos solicitantes de asilo narrando escenas da súa propia vida, mais a dinámica muda cando se involucran tamén os israelís. Poden a interpretación e os cambios de rol axudar a entender mellor outros puntos de vista?
As catro proxeccións, que serán en versión orixinal e subtituladas en castelán, serán no Teatro Principal a partir das 19:30 horas. As entradas poderán adquirirse desde unha hora antes para que o acceso sexa o máis ordenado e espaciado posible.
Relacionadas:
-
Portugal protagoniza o mes de abril no Cineclube Pontevedra
Por Redacción |
-
As citas do Cineclube con Jean Renoir adiántanse unha hora polo toque de queda
Por Redacción |
-
O Cineclube despedirá 2020 con "Longa noite" de Eloy Enciso
Por Alejandro Espiño |
-
Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube
Por Alejandro Espiño |