O Museo entrega os premios ás creacións máis orixinais sobre Ravachol
Por Redacción
O Museo de Pontevedra entregou este sábado os agasallos do seu concurso artístico sobre o Ravachol no que participaron máis de 200 nenas e nenos.
Os premiados e premiadas foron 'Loro pirata Ravachol' de Leo Caamaño (4 anos); 'El Ravacholiris', de Manuela Ramos (6 anos); 'Ravachol Harry Potter', de Cintia Tizado (7 anos); 'O Ravachol vacinador', de Julieta Iglesias (11 anos) e 'O Ravachol olla por nós', de Paloma Pérez (13 anos).
En total, o Museo recibiu 206 obras. Na categoría de entre 3 e 6 anos foron 39; na de 7 a 11 anos, 164; e na de 12 a 14 foron 3. Todas elas luciron expostas no espazo vidrado do Edificio Castelao e as gañadoras tiveron difusión tamén nas redes sociais e na web do Museo.
A equipa educativa organizadora do concurso entendeu esta iniciativa coma un éxito polo 'tirón' do propio Ravachol como figura do Entroido, e pola información enviada directamente aos centros de ensino, que participaron con clases enteiras entendendo a proposta como unha actividade didáctica de aula. Algúns dos centros que participaron foron o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, o CEIP San Martiño de Salcedo, o CEIP XUNQUEIRA nº1, o CEIP Froebel ou o CEIP San Benito de Lérez.