A asociación de papiroflexia máis antiga do mundo expón pezas únicas en Afundación
Por María José Pita
Baixo o título "Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia", a sede de Afundación en Pontevedra, no edificio do Café Moderno da Praza de San Xosé, acolle unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami e que reflicten a estreita relación entre as matemáticas e a papiroflexia.
O comisario desta exposición é o director da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), Jorge Pardo, quen tamén pertence á asociación máis antiga do mundo dedicada á papiroflexia, o Grupo Zaragozano de Papiroflexia, formado en 1944 e que deu orixe ao Museo do Origami. Nin tan sequera en Xapón, o berce da arte do encartado do papel, hai un grupo con tanta tradición. "Curiosamente o termo origami úsase en todo o mundo e a denominación papiroflexia só se utiliza en España", apunta Jorge Pardo.
O comisario da mostra destaca que precisamente a papiroflexia en España se distingue por non usar "nin pegamento nin tesoiras" na montaxe das pezas, mentres que noutros lugares si se aplican para pulir detalles. Nesta liña atópanse as pezas da súa autoría que achega á exposición en Pontevedra, unha serie de 5 pezas manipulables con máis dun ano de traballo detrás. A maiores, a escola zaragozana expón outras obras cargadas de curiosidades, como a peza elaborada con billetes de lotería.
Entre os autores de renome internacional atópase o caso de Erik Demaine, matemático e experto en papiroflexia aplicada a diversos campos científicos, ou Jeannine Mosely, enxeñeira que aplica a arte do origami a desenvolvementos científicos como a "esponxa de Mengel" que se expón en Pontevedra e que consiste nun cubo composto por 60.000 pezas.
Na exposición tamén hai un espazo para a profesora xa falecida Covadonga Blanco, unha papiroflecta pioneira en Galicia que aplicaba os seus coñecementos nas súas clases de matemáticas e que impulsou o grupo galego de papiroflexia, que se reúne periodicamente en Santiago de Compostela e é un dos máis activos a nivel nacional.
A coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, destaca desta mostra tanto o valor artístico como a achega da papiroflexia desde o punto de vista da ciencia das matemáticas "para a análise e a comprensión das pandemias", como se está poñendo de manifesto nos últimos tempos.
Precisamente a situación sanitaria alterou os plans de Afundación para desenvolver colaboracións cos centros escolares. Como a exposición vai estar en Pontevedra ata o 29 de maio, non se descarta poder realizar actividades didácticas nos próximos meses.