Miguel Froján Castro comezou o seu vínculo coa música aos tres anos. Agora con 21 ultima o Grao Superior de Trompa en Vigo, que comezou en Salamanca; e pasou seis anos estudando no Conservatorio Profesional de Pontevedra, polo que tamén toca guitarra e violín. Pero que ninguén se confunda, A playlist que escolleu é total e absolutamente rockeira.
Antes que a súa actual formación musical, houbo outros grupos como Bourbon ou Cabina 402. Agora, o seu grupo leva o seu apelido: Froján e acaba de editar o seu primeiro disco, 'Huir'. Doce cancións que compuxo durante o tempo que se prolongou o confinamento domiciliario este pasado 2020. Resulta chocante, poderíase dicir que excepcional, é escoitar a unha persoa dicindo "eses tres meses foron os máis bonitos da miña vida".
Nese punto, Miguel Froján, relata unha experiencia vital que o marcará, sen dúbida, para sempre. Experiencia dura, íntima, da que fala con rotunda enteireza e que é aleccionadora para calquera que escoite este podcast de PontevedraViva Radio.
Na portada de 'Huir' aparecen un bufo e un oso. Dise que as aves nocturnas simbolizan a sabedoría interna e que atoparse cun bufo nun sinal de boa sorte. O oso está vinculado á fortaleza para vencer ás adversidades e combina a dotes de lider cos momentos de desconexión co exterior, de introspección. Así é Miguel Froján.