O alumnado do CEIP As Covas-Meaño coñece polo 8M o traballo de mulleres doutras épocas
"Faleille da vida tan dura que levaron as nosas avoas e leveilles tecidos de liño e un mantón feito de ovella e tintado pola miña avoa para que viran o traballo que antes se levaba nas casas para facer certas cousas que agora son tan sinxelas de conseguir". A escritora pontevedresa Loli Beloso comenza así a contarnos a súa experiencia na charla que deu este luns ao alumnado do CEIP As Covas-Meaño para homenaxear o Día da Muller.
Segundo Loli, quedou tan sorprendida e emocionada co compromiso deste colexio, tanto por parte do profesorado coma do alumnado, que nos quixo contar a súa "marabillosa" experiencia neste 8M. Quixo ensinarlles aos alumnos e alumnas como eran as mulleres do nosos antepasados e o que tiveron que loitar, facendo a maioría das veces de nai e pai á vez. Os escolares quedaron encantados con estes "antigos tesouros" e prometeron gardalos e coidalos, segundo relata Beloso.
Os nenos e nenas do CEIP tiñan moito interese en coñecer a autora xa que realizaron un traballo sobre ela e o seu libro 'Isaac Diaz Pardo para as nenas e nenos galegos’ . O encontro foi, segundo Loli, moi especial e os alumnos cunha idade entre 9 e 10 anos sorprendérona gratamente xa que demostraron uns valores e un respeto incríbeis para a súa idade. A autora destaca a importancia hoxe en día na crianza dos nenos, o importante que é traballar dende moi cativos coas emocións e valores así como inculcarlles esforzo, compromiso, traballo e sacrificio.
O CEIP Covas-Meaño converteuse no ano 2019 no primeiro centro educativo galego en ser recoñecido por UNICEF como centro referente en educación en dereitos da infancia e ciudadanía global. "O colexio é exemplar, nótase o gran traballo que fan co alumnado e vese o compromiso por parte de todos, dende a dirección ata o profesorado" recalca Loli. Nos tempos nos que vivimos é moi importante segundo ela, motivar aos docentes, xa que as veces nos esquecemos do gran labor que realizan.
Loli Beloso acaba de inagurar a asociación sen ánimo de lucro A Roseira de Loli que ten como obxetivo recadar diñeiro para o instituto de Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a área de investigación contra o cancro levada polo investigador Anxo Carracedo, outro dos socios desta asociación. Outro dos obxectivos desta é manter a memoria do legado de Isaac Díaz Pardo: pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego.
A escritora volverá ao colexio a dar outra charla en abril e neste caso falará da muller de Isaac Díaz Pardo, Carmen Arias, máis coñecida como Minina, e piar importantísimo para a vida e obra do artista. Loli sente admiración por esta muller, tanto é así que co motivo do centenario do nacemento de Minina, o 15 de abril, inagurará unha exposición na que será a gran protagonista.
Xa para o centenario do nacemento de Díaz Pardo o 22 de agosto do ano 2020 organizou unha mostra "que foi todo un éxito a pesar da covid-19". A exposición neste caso volverá a realizarse na casa da súa nai xa que foi unha loitadora nata e cre que é o mellor sitio para renderlle homenaxe a outra gran muller.
Relacionadas:
-
Un colgante Kalipay para enviar solidariedade pontevedresa a Filipinas
Por Redacción |
-
A pontevedresa Loli Beloso logra que a cidade arxentina de Magdalena homenaxee a Isaac Díaz Pardo co nome dunha rúa
Por Redacción |
-
A pegada de Diaz Pardo resiste á covid-19 e segue a marcar o camiño da festa da investigación en Tomeza
Por Natalia Puga |
-
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo en Tomeza polo centenario do seu nacemento
Por Natalia Puga |