Desenvolven o primeiro proxecto multimedia centrado na fotografía de autor en Galicia
"O que máis valoro deste proxecto é o novidoso de facer algo así en Galicia", comenta ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI) Jorge Lens, fotógrafo e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.
Ollar, escolma da fotografía galega contemporánea, é un proxecto multimedia centrado na divulgación da fotografía de autor en Galicia a través dunha serie de curtametraxes documentais adicados a diferentes fotógrafos e fotógrafas.
Creados pola produtora viguesa Adarme Visual e dirixidos por David Hernández, Lens é o responsable dos guións destes documentais que buscan amosar como traballan estes artistas, segundo comenta o docente.
O proxecto arrancou este mes de marzo coa difusión das cinco primeiras curtametraxes, desenvolvidas co fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia e adicadas a Eva Díez, Javier Teniente, Manuel Sendón, fotógrafo e profesor da Facultade de Belas Artes, e os pontevedreses Raquel Calviño e Miguel Vidal.
Segundo explica Adarme Visual ao DUVI, esta serie de documentais monográficos de 15 minutos son coma unha mostra da obra e vida do autor ou autora a través dunha entrevista e da observación.
Jorge Lens, responsable tanto do texto da narración de cada peza como das preguntas que se lles realizan, destaca que o seu obxetivo é "provocar unha emoción con cada un dos fotógrafos" e que, a través das declaracións e das propias obras das e dos protagonistas, sexa posible "facernos unha idea de como é a personalidade do artista".
Ademáis de elaborar os guións, Lens participou tamén na selección dos fotógrafos e fotógrafas protagonistas. Sinala que a situación creada pola covid-19 impediu que houbese a variedade xeográfica de artistas que querían nun principio pero que esperan logralo.
Segundo comenta, o obxetivo da produtora é continuar co proxecto e crear ata 25 pezas que se difundirán a través da web de Ollar.