Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento únense para celebrar o Día da Narración Oral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O 20 de marzo é o Día da Narración Oral, unha data que se celebra desde 1991 cando contadores de historias decidiron iniciar esta práctica que se foi espallando polo resto do mundo. Galicia, país de longa tradición de narración oral, non podía quedarse fóra desta conmemoración.
O grupo Pavís Pavós uniuse á proposta do colectivo galego Nora, que desenvolve diversas actividades durante este vindeiro sábado en toda Galicia con máis de vinte contadores de historias ofrecendo os seus contos en distintas localidades.
Pontevedra acollerá un acto nesa xornada no Teatro Principal a partir das 12.00 horas destinado ao público familiar coa participación de Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento, agrupacións pontevedresas que desenvolven esta actividade.
Sete Falares e Atlántica en Compostela, festivais de narración oral, promoven esta iniciativa para que se desenvolva o primeiro ano de conmemoración galega desta actividade. Noutros puntos da comunidade en cada lugar haberá unha persoa que narre mentres que Pontevedra é o único espazo onde catro compañías compartirán escenario.
A concelleira Carme da Silva e Xacobe Rodríguez, integrante de Pavís Pavós, presentaban este acto que conta cun manifesto que se enviará a centros culturais e bibliotecas onde a académica pontevedresa Fina Casalderrey contempla as particularidades da narrativa oral galega.
Xacobe Rodríguez explicaba que se trata dunha data reivindicativa da cultura como actividade segura e viva. "Permiten recordar o pasado, vivir o presente e crear o futuro", apuntou Rodríguez en relación coas historias orais.
O público que queira asistir a este espectáculo no Teatro Principal de Pontevedra deberá solicitar a invitación gratuíta, independentemente da súa idade, a través da páxina web de Ataquilla. Segundo explicou a concelleira Carme da Silva as previsións meteorolóxicas para a fin de semana obrigaron a decidir que a celebración sexa nun espazo pechado e non se vai realizar en streaming porque, segundo explicaba Xacobe Rodríguez, a narración oral é un espectáculo ao vivo e a opción online só debe empregarse cando non se pode facer doutra maneira, como foi durante o confinamento.
Desde a organización recomendan o uso da máscara a partir dos 3 anos. A apertura do Teatro Principal será a partir das 11.30 horas para evitar aglomeracións. A duración do espectáculo é de 60 minutos.