Cuntis renova o convenio con Terra Termarum para a xestión do xacemento de Castrolandín
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anunciou este sábado a renovación do convenio de colaboración entre o Concello de Cuntis e a Fundación Terra Termarun Castrolandín.
O acordo recolle unha subvención nominativa de 40.000 euros dos que unha metade corresponde ao ano pasado e a outra ao presente 2021. Trátase dunha aportación que realiza anualmente o Concello en aras de promover a conservación e divulgación do xacemento, así como para impulsar a cultura e o turismo no municipio.
Entre as cláusulas que figuran no acordo, a Fundación comprométese a manter aberta na súa sede a exposición permanente sobre o xacemento de Castrolandín nun horario que non será inferior a 25 horas semanais, a atender as persoas que visiten a Fundación, a organizar visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, a colaborar co Concello no programa de "Actividades de Verán", así como á elaboración, deseño e mantemento dunha páxina web.
O alcalde lembrou que amais da actividade da Fundación, é o Concello de Cuntis o que se encarga directamente dos traballos de mantemento e conservación do castro durante todo o ano.
Así mesmo, o rexedor anunciou que o Concello xa ten concedida unha subvención de 100.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra para dar inicio este ano ás obras do novo centro de interpretación do Castro de Castrolandín que se vai situar nunha casa adquirida polo Concello á beira da igrexa de Santa María, na praza das Árbores. O Concello traballa agora mesmo na licitación do proxecto coa intención de que os traballos da primeira fase poidan dar inicio no verán.
Manuel Campos destacou a "importancia da aportación que realiza o Concello no marco do convenio para divulgar e promover o legado de Castrolandín". O Concello é a entidade que máis diñeiro aporta directamente para o coidado e promoción do xacemento, ademais de encargarse dos traballos de conservación. O Goberno municipal ao longo dos últimos anos, máis aló dos fondos aportados, foi conseguindo novos proxectos para a posta en valor do castro. Así, dende a Deputación tamén se está a traballar xunto co CSIC para a musealización de Castrolandín, unha iniciativa moi importante para o turismo de Cuntis.
Finalmente o alcalde destacou que "desde o departamento municipal de turismo traballamos día a día en potenciar a imaxe de Castrolandín por diferentes medios para poñer en valor e dar a coñecer un dos xacementos castrexos máis importantes da provincia de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Castrolandín puido ser ata tres veces máis extenso do que se pensaba
Por Oskar Viéitez |
-
A Fundación Castrolandín suspende por segundo ano a Festa dos Fachos
Por Redacción |
-
Castrolandín, "un atractivo para o turismo"
Por Redacción |
-
Os traballos no xacemento de Castrolandín comezarán a próxima semana
Por Redacción |