O décimo aniversario de PortAmérica terá que agardar: aprazan o festival a 2022
Por Alejandro Espiño
Non haberá PortAmérica (tampouco) en 2021. Tras suspender a edición do pasado ano debido á pandemia da covid-19, os organizadores deste festival optaron por atrasar o que ía ser o seu décimo aniversario un ano máis, ata 2022.
Así o anunciou este venres a compañía Esmerarte, responsable deste festival que se celebra cada verán na carballeira de Caldas de Reis.
Nun comunicado aseguran que "non queremos un festival no que o noso público non viva unha experiencia plena porque non ten sentido" e consideran que nestes momentos "seguen sen darse as condicións para garantilo".
A pesar diso, aseguran que se a evolución da pandemia é favorable "é probable" que se celebre despois do verán algún evento "adaptado ás circunstancias" e que, do mesmo xeito que o festival, axuntará música, gastronomía e natureza.
As entradas xa adquiridas seguirán sendo válidas para a edición 2022, pero quen o desexe poderá solicitar o reembolso do importe das entradas para partir do luns 26 de abril e ata o 24 de maio. A plataforma de venda poñerase en contacto con cada un dos compradores.
Na edición de 2020 -e na aprazada a 2021-, estaba previsto que actuasen no PortAmérica artistas como Leiva, Coque Malla, Beret, Rufus Wainwright, Mikel Erentxun, Viva Suecia, Gustavo Santaolalla, Royal Republic, Belako, Novedades Carminha, León Benavente, Sidonie, El columpio asesino, Wyoming y los Insolventes ou Alice Wonder.
Relacionadas:
-
Público de pé e oito 'sectores burbulla': Así será o PortAmérica da (case) normalidade
Por Alejandro Espiño |
-
PortAmérica volve á súa "orixe" con Vetusta Morla e o 'reencontro' de Xoel López con Deluxe
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
PortAmérica 'calca' para 2021 o cartel da edición suspendida polo coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
PortAmérica, aprazado ata xullo de 2021: "Foi unha decisión durísima", afirma a organización
Por Alejandro Espiño |