Pontevedra lembra a Carmen Arias, Mimina, "a xoia máis marabillosa de Isaac Diaz Pardo e Galicia"
Por Natalia Puga
O Fogar de Loli Beloso na Valadiña, na parroquia pontevedresa de Tomeza, acollerá a partir deste xoves 15 de abril unha homenaxe a Carmen Arias de Castro Montero, Mimina, con motivo do centenario do seu nacemento. Compañeira do intelectual Isaac Díaz Pardo, foi unha peza fundamental no proxecto da Fábrica de Cerámica do Castro e de Sargadelos, pero tamén destacou nas súas facetas como debuxante ou deseñadora de xoias, de maneira que, como parte desta homenaxe, o público poderá ver parte das súas obras nestas disciplinas.
A homenaxe, organizada polo pontevedresa Loli Beloso e que leva por título 'Aloumiños de Mimina', incluirá unha exposición que poderá visitarse nesta casa de Tomeza ata o 23 de maio os sábado e domingos en horario de 18.00 a 22.00 horas.
Trátase dunha mostra da que a madriña é Teresiña Reimúndez, fiel colaboradora de Díaz Pardo e na que os visitantes poderán ver arredor de 40 obras, 25 da propia homenaxeada (pezas de xoiería e pezas decoradas por ela tanto en Galicia como na Magdalena, en Arxentina) e o resto de varios artistas galegos e internacionais.
Este xoves 15 de abril, o acto de homenaxe contará coa actuación do grupo Dúo Laser e estará presentado por Graciela Arias e Tania Tagolada.
O acto incluirá tamén a presentación do novo libro de Loli Beloso, Mimina, Carmen Arias de Castro. A xoia máis marabillosa de Isaac Díaz Pardo e Galicia, unha obra na que a pontevedresa fai un repaso pola vida e obra desta intelectual falecida en novembro de 2013 aos 92 anos e que foi fiel compañeira de Díaz Pardo ata a súa morte e facilitadora dos seus proxectos en Galicia e Arxentina. Beloso quere destacar tamén a súa calidade humana.
A homenaxe tamén servirá para presentar dúas xoias deseñadas por Loli Beloso. Unha das xoias, 'A flor do toxo', fíxoa o orfebre venezolano Gregorio Eduardo Sánchez, e a outra, 'Estrela Sol para Mimina', un colgante de prata decorado por Teresiña.
Esta segunda peza vaise poñer á venda e todos os fondos recadados irán destinados a axudar á investigación contra o cancro a través do Grupo de Medicina Xenómica que dirixe Ángel Carracedo na Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto co que adoita colaborar Loli Beloso.
Ademais, presentarase unha placa co nome de Mimina feita en forxa polo artista de Mourente José Ramón Otero que se vai instalar na Magdalena, no lugar onde se instalou a fábrica no exilio de Díaz Pardo e Minina, e o mesmo lugar onde xa hai un recoñecemento ao intelectual galeguista.
A exposición permitirá ver obras de Valentina García Abalo, de quen Loli Beloso destaca que é unha "escultora marabillosa", que fixo un busto en relevo de madeira de Mimina; Mercedes Cifuentes; a artista en vidro da Magdalena Gisela Susana Arán; Valeria C. Santiago; Vilma Villaverde; Teresiña Reimundez; Zoila Sanjuán; e a pintora Irene Silva Xiráldez. Esta pintora galega é a autora do retrato de Mimina que sostén Loli Beloso na fotografía que acompaña esta noticia.
Relacionadas:
-
A Festa da Investigación de Tomeza celebra a súa sétima edición en beneficio da Fundación de Medicina Xenómica
Por Natalia Puga |
-
Tomeza lembra a Carmen Arias, Minina, no seu 102 aniversario
Por Redacción |
-
"Éxito rotundo" da Festa da Investigación de Tomeza, que entregou 3.500 euros para a investigación do cancro
Por Redacción |
-
Arte e xoias solidarias cruzan o Atlántico desde Pontevedra a Arxentina
Por Redacción |
-
Festa solidaria en Tomeza en favor da Fundación de Medicina Xenómica
Por Redacción |
-
O deseñador Franco Quintáns e as xoierías de Pontevedra renden homenaxe a Carmen Arias, 'Minina'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un colgante Kalipay para enviar solidariedade pontevedresa a Filipinas
Por Redacción |
-
Xoias solidarias que axudan a loitar contra o cancro mentres homenaxean a Carmen Arias, Mimina
Por Redacción |
-
A pontevedresa Loli Beloso logra que a cidade arxentina de Magdalena homenaxee a Isaac Díaz Pardo co nome dunha rúa
Por Redacción |
-
A pegada de Diaz Pardo resiste á covid-19 e segue a marcar o camiño da festa da investigación en Tomeza
Por Natalia Puga |
-
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo en Tomeza polo centenario do seu nacemento
Por Natalia Puga |
-
A obra humana de Isaac Diaz Pardo segue viva na II Festa da Investigación de Tomeza
Por Redacción & Diego Torrado |