Os Premios Crea recoñecerán as obras ideadas conxuntamente por estudantes de diferentes ámbitos
Por Redacción
"Pór en valor o feito fundamental da innovación que xorde das novas ideas, saíndo dos percorridos predeterminados, procurando acadar novos produtos e producións orixinais" constitúe, como recolle a súa convocatoria, un dos obxectivos dos Premios Crea-Creatividade e Innovación, que no marco do proxecto de especialización do campus, a Vicerreitoría promove xunto co Consello Social da Universidade.
Estes galardóns buscan recoñecer obras de carácter interdisciplinar, creadas por alumnado de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra.
O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, salientou que "son algo totalmente aberto a todo tipo de exploracións, non queríamos poñer límites". Estes premios se convocan por primeira vez no marco da colaboración entre a Vicerreitoría e o Consello Social e nos que se outorgarán tres premios, cunha dotación económica de 1.500, 1.000 e 500 euros.
"O que nos define como campus, o fío condutor de todas as súas facetas, é a creatividade, e o noso valor máis importante é, sen dúbida, o alumnado, polo que pensamos en facer algo diferente", salienta Souto no Diario da Universidade de Vigo ao falar dun certame no que a "natureza da obra está totalmente aberta", pero que si require, por outra banda, que está sexa realizada por cando menos dous estudantes de diferentes ámbitos.
Concretamente, nos proxectos deberá estar representado alumnado de dous destes catro ámbitos: medio ambiente e natureza; arte, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; e deporte, saúde e benestar. Deste xeito, búscase "favorecer a colaboración interdisciplinar" promovendo o "achegamento entre estudantes de diferentes centros, o que pensamos que é tamén unha forma de favorecer a creatividade e a innovación".
Ata o 18 de xuño permanecerá aberto o prazo de presentación de proxectos na sede da Vicerreitoría do campus.