A Biblioteca de Caldas vai aos coles
Por Redacción
Os meses de abril e maio son moi especiais para o libro, a lectura e, por suposto, para as bibliotecas. Nesta época do ano conmemóranse xornadas como o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril) ou o Día das Letras Galegas (17 de maio).
Como explicou a concelleira de Cultura, María López, a Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis sempre festexou as mencionadas datas de acordo coas preferencias dos usuarios: organizando visitas escolares, contacontos, obradoiros diversos, entre outras actividades.
Non obstante, as limitacións sanitarias provocadas pola pandemia de coronavirus volven limitar moito nesta ocasión a posibilidade de celebrar este tipo de actividades e a biblioteca tivo que reciclarse e preparar unha programación diferente, adaptada ás medidas de seguridade, pero igual de enriquecedora, coa que non deixar de divulgar o libro e a lectura, en especial entre os máis novos.
Así, o próximo venres, día 23 de abril terá lugar a sesión de contos "Un libro baixo a almofada" a cargo de Felipe Díaz Valle "Caxoto", para o alumnado de 3º de primaria dos diferentes centros educativos de Caldas de Reis.
O 24 de abril realizarase unha segunda entrega de libros, neste caso dirixida á rapazada maior de 14 anos que fixeran un maior uso do servizo de préstamo, agasallándoos, como grandes lectores que son, cun pequeno lote de libros.
Ao longo das próximas semanas darase inicio á actividade "A Biblioteca vai ao cole".
Ata o de agora eran os rapaces os que, desde educación infantil ata 1º da ESO, acudían nestas datas convidados a participar a coñecer a biblioteca nas visitas guiadas, pero neste ano especial será a biblioteca a que se desprace a ter un encontro coa mocidade nos seus centros de ensino. Por último, organizarase unha mostra cos libros máis prestados durante o último ano.
A concelleira de Cultura incidiu na importancia de "manter vivo o espírito lector entre os rapaces e rapazas", polo que os animou a practicar a lectura e a participar activamente nas actividades organizadas pola biblioteca.
"Aínda que sexa de maneira diferente a anos anteriores", indicou, desde a concellería de Cultura "seguimos esforzándonos en ofrecer unha programación atractiva e adaptada á situación actual, que permita seguir dando a coñecer a biblioteca e divulgando a lectura entre os escolares".