Os pequenos da Escola Infantil O Grupo inspíranse no Museo Manuel Torres
Por Redacción
Achegar a figura do pintor Manuel Torres aos máis pequenos é un dos obxectivos que comparten o Museo Torres e a Escola de Educación Infantil O Grupo. O centro escolar organizou un proxecto en homenaxe ao artista para divulgar a súa vida e obra aos seus alumnos.
"A linguaxe artística, como outra forma de comunicación, cobra moita importancia nestas idades temperás. A creatividade, a espontaneidade libre de prexuízos e a curiosidade constantes permítenlles aos nenos e nenas ser libres para recrear as obras por primeira vez", explican desde o centro, que consideraron que contemplar as obras de Torres no Museo, era a mellor maneira de achegar a súa faceta e vocación autodidacta ao alumnado.
Así, o pasado venres as dependencias museísticas acolleron a visita dos pequenos de segundo ciclo de Educación Infantil, que, guiados pola concelleira Itziar Álvarez, gozaron dunha escolla da obra do pintor marinense "que consideramos adecuada á súa idade e nivel educativo, tendo en conta a complexidade das creacións".
O obxectivo final é que os propios alumnos recreen as obras de Torres que coñezan de xeito directo no museo, deixando voar a súa imaxinación. Este traballo levarase a cabo no centro educativo entre finais de abril e maio, para posteriormente ser expostas ao público as creacións infantís.
Desde o Concello, a concelleira Álvarez apunta á "importancia que teñen estas iniciativas, sobre todo cando son promovidas desde os centros, xa que a arte é fundamental nos primeiros anos de vida para que o alumnado traballe a súa creatividade e capacidade artística".
Relacionadas:
-
A obra de Manuel Torres fomenta a capacidade creativa do alumnado do EEI O Grupo
Por Redacción |
-
Na procura dos novos Manuel Torres
Por Redacción |
-
O Pórtico de Villafinez poderá visitarse xunto con bocetos de Torres dos profetas da Porta Santa
Por Redacción |
-
Marín fai inventario da riqueza arqueolóxica que garda o Museo Torres
Por Redacción |
-
O Museo Torres funcionou no 2020 como o motor cultural de Marín
Por Redacción |