Maleta viaxeira para achegar á rapazada os fondos do Museo Provincial
Por Redacción
O segundo taller do 'Museo en Camiño' chegará este sábado 24 de abril a Barro. Esta proposta céntrase nunha actividade didáctica a través da que o Museo de Pontevedra pasa a se converter en itinerante para que o público infantil de poboacións do roteiro portugués a Santiago coñezan os fondos e o espírito que se move ao redor do Xacobeo.
No caso do Concello de Barro, a actividade desenvolverase na Biblioteca Municipal entre as 11.00 e as 13.00 horas, destinada a menores con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Este xoves xa están cubertas todas as prazas de participación.
A través dunha "maleta viaxeira" na que se atopan réplicas de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra como, entre outras, o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano; o miliario romano de Salcedo ou un Santiago Pelegrín do século XVII.
Estas pezas foron escollidas polos colectivos creadores do programa, Taller Abierto e Paspallás, por ser unha mostra representativa do Museo Provincial. A intención é que se convertan en base sobre a que realizar unidades didácticas sobre historia, arte e patrimonio.
En setembro deste 2021 realizarase unha exposición no Museo coa que se pechará o percorrido por dez poboacións do roteiro xacobeo, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra, que promove esta actividade.