A Deputación celebrará o Día da Danza cun espectáculo no exterior das súas sedes
Por Redacción
O exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, xunto á Alameda, será escenario este xoves 29 de abril da celebración do Día Internacional da Danza. O acto está enmarcado no programa "Aviventa Cultura", que impulsa o organismo provincial para apoiar o sector cultural e artístico neste 2021.
A avenida de Montero Río, acollerá, ás 11.00 horas o espectáculo de danza contemporánea "Solodados", de Clara Ferrao, cunha duración de aproximadamente vinte minutos, no que a propia Clara Ferrao comparte protagonismo co bailarín Leodán Rodríguez.
A peza irá acompañada pola música en vivo de Lkina e na mesma os bailaríns amosaranse como autómatas e corpos que loitan e se adestran de xeito illado ata que, finalmente, descóbrense e comezan a crear xuntos movementos fluídos e acompasados.
Clara Ferrao é unha bailarina e coreógrafa tudense titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma de Madrid, coa especialidade de danza contemporánea. Conta con numerosos premios internacionais e nacionais e traballa como docente, bailarina e coreógrafa na compañía "Al-badulaque". Ten colaborado en eventos con compañías como Fura dels Baus e como coreógrafa en Shaddai Teatrou ou Cisma danza.
A Deputación tamén ten previsto para este xoves, ás 19.00 horas, un espectáculo de danza tradicional no exterior da sede provincial en Vigo.
Neste caso, a agrupación Fiadeiro encargarase de amosar o baile e a música tradicionais galegas para pechar os actos de conmemoración do Día Internacional, nos que a danza máis achegada á terra, á tradición, á identidade cultural galega e a vangarda, innovación e experimentación serán protagonistas.