Tamén o Museo de Pontevedra celebra o 1º de Maio coa 'Esfola na ponte das Pías' de Quessada
Por Redacción
Con motivo da celebración do Primeiro de maio, Día do Traballo, desde o Museo de Pontevedra está a promoverse a obra 'Esfola na ponte das Pías' a través das redes sociais.
Trátase dunha das obras máis comprometidas social e politicamente do autor ourensán Xaime Quessada. Este óleo de linguaxe neoexpresionista foi creado como consecuencia do impacto na sociedade que causou a morte de dous traballadores da Empresa Nacional Bazán o 10 de marzo de 1972 durante unha folga nos estaleiros de Ferrol. Os dous empregados falecían vítimas dos disparos da policía franquista durante aquel movemento laboral.
A Fundación Xaime Quessada doaba ao Museo provincial, dependente da Deputación de Pontevedra, esta obra reivindicativa no mes de xaneiro e pódese ver no edificio Castelao.
Xaime Quessada foi un pintor ourensán que comezou a expoñer co grupo de 'Os Artistiñas', promovido por Vicente Risco. Estudou gravado en París durante o ano 1962, converténdose nun especialista neste técnica. En 1971 realizou mostras en países como Cuba, México e cidades como Nova York, Nova Orleans ou Atlanta en Estados Unidos.
Quessada destacou por ser un combatente político e a súa pintura tocou diferentes estilos desde o realismo á abstracción non figurativa ou ao expresionismo con incursións no impresionismo ou no lirismo bucólico. Realizou grandes murais como o elaborado nas paredes da prisión de Ourense.