Mostra sobre 'O galego noutros mundos' no Centro Cultural Xaime Illa
Por Redacción
Xa se pode visitar no Centro Cultural Xaime Illa Couto, situado na parroquia de Raxó, a mostra que leva por título 'O Galego noutros mundos'. Unha exposción que ofrece 13 paneis nos que se poden comprobar as posibilidades do idioma galego e a súa dimensión "aberta e internacional".
A iniciativa está organizada de forma conxunta polos departamentos de Normalización Lingüística e de Cultura. As concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, responsables das dúas concellerías sinalan que con esta proposta se quere seguir poñendo en valor a importancia social da lingua galega, rompendo con prexuízos sobre a súa utilizada ou o seu prestixio histórico e internacional, grazas á súa proximidade co portugués.
Ademais, fai un repaso ao interese que o galego espertou en diferentes personalidades doutros puntos da xeografía internacional, como foi o caso dun autor da talla do poeta Federico García Lorca.
Esta mostra conta con material cedido polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Pódese visitar ata o 18 de maio en horario de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.00 horas e durante as tardes, entre as 16.00 e as 21.00 horas.