Literatura, música e arte para conmemorar en Sanxenxo os cen anos sen Emilia Pardo Bazán
Por Redacción
Sanxenxo é un dos municipios galegos que bautizou no seu día un dos seus principais espazos co nome da escritora Emilia Pardo Bazán, que en vida estivo moi vencellada a este concello. De aí que o Concello non dubidara en conmemorar o centenario da súa morte.
O goberno municipal, a través do departamento de Cultura, xa ten pechados os actos que axudarán a rememorar a pegada da escritora nos distintos eidos culturais nos que destacou e que terán como localización o Pazo municipal que leva o seu nome.
A biblioteca do Pazo Emilia Pardo Bazán reservará dende o vindeiro 11 de maio e ata o 30 de xuño un espazo destacado para amosar a ampla bibliografía da escritora con exemplares de exposición dos distintos títulos e xéneros.
O equipo de animación sociocultural será o encargado de subir ao escenario do Pazo unha adaptación teatral de Lorito Real con dúas sesións, á 17:30 e 18:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo. Esta actuación servirá de preámbulo á charla que terá lugar na biblioteca, titulada El universo de Emilia...a través del cristal, coa ilustradora Bea Gregores e a mestra Ángeles Marcos.
O mércores 12 de maio, cando se cumpre os 100 anos da súa morte, Sanxenxo lembrará a escritora dándolle voz a súa obra coa lectura de fragmentos de Os Pazos de Ulloa no exterior do auditorio.
Faranse en dúas quendas, de 11 a 13 horas e de 17 a 19 horas, nas que poderá participar toda a veciñanza así como centros educativos e colectivos do municipio. Os interesados en facelo deberán inscribirse no teléfono 986 727 936.
Nos descansos da lectura haberá intervencións musicais dos distintos grupos de instrumentos da Escola de Música Municipal que amenizarán a xornada.
Pola súa banda, os alumnos do centro de arte culminarán nese día o pintado da réplica en escaiola da figura da autora que se atopa no exterior do Pazo e no que levan traballando minuciosamente dende hai semanas.
Unha vez rematada, instalarase no exterior do edificio consistorial para dar a coñecer a vinculación da escritora con Sanxenxo xunto a un texto explicativo.
A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón aportará outra perspectiva da autora cun audiovisual que colgarán nas súas redes, titulado A pegada de Emilia Pardo Bazán no folclore galego.
A xornada conmemorativa rematará coa presentación do libro Emilia Pardo Bazán: La escritora en Miraflores de Marcelino Agís Villaverde. A obra presentarase no salón de actos do auditorio ás 20:30 horas.