Trece días de festival en 'pequenas doses', aposta do Atlantic Fest para 2021
Por Alejandro Espiño
Non será co habitual evento multitudinario, pero o Atlantic Fest resístese a que a pandemia volva cancelar (outra vez) a súa cita anual co seu público. O festival estreará a súa nova localización en Vilagarcía cun ciclo de concertos repartidos en dúas semanas.
Así o anunciaron os seus organizadores este luns. Dezaoito bandas actuarán na edición de 2021 durante trece días, do 12 ao 24 de xullo, segundo confirmaron.
"Soñabamos cun 2021 de normalidade, pero vai tocar esperar un pouco máis para volver co Atlantic Fest ao que estabamos afeitos", sinalan a organización, que avanza que "deixaremos que a maxia volva, pero este ano aínda en pequenas doses".
Lori Meyers, Sidonie, La habitación roja, Zahara, Dorian ou os galegos Verto serán algúns dos artistas que actuarán nesta edición especial do Atlantic Fest, que contará con ata catro escenarios diferentes con aforos limitados.
O principal estará situado na entrada da praia da Concha, que concentrará o festival en 2022. Alí desenvolverase a programación do Vibra Mahou, con Zahara (xoves 15), Dorian (venres 16), León Benavente (sábado 17) e Sidonie + Lori Meyers (sábado 18).
Co apoio da Xunta de Galicia, o escenario Xacobeo 21-22 estará no auditorio de Vilagarcía, onde haberá actuacións cun aforo máis reducido.
Trátase de La habitación roja (martes 13), María José Llergo (mércores 14), Derbi Motoreta' s Burrito Cachimba (martes 20), Anni B Sweet (mércores 21) e Rufus T. Firefly (xoves 22).
A praza da Peixaría, pola súa banda, será o lugar onde estea o escenario Paco e Lola que, entre outros concertos, acollerá o de Verto (venres 23) cunha banda aínda por confirmar.
O piñeiral da praia da Concha será o cuarto escenario de concertos aínda que, por agora, non se especificou cales deles serán.
Con respecto ao cartel do Atlantic Fest 2021, tamén se anunciou os concertos de Ortiga (luns 12) e Chucho (luns 19) e avanzouse que haberá máis concertos, de artistas e bandas que non se anunciaron, para os días 17, 23 e 24 de xullo.
Relacionadas:
-
Todo preparado en Vilagarcía para os trece días de Atlantic Fest
Por Alejandro Espiño |
-
Second, Kings of the Beach e Mounqup porán o broche de oro ao Atlantic Fest
Por Alejandro Espiño |
-
Kase.O, La Pegatina, Sés ou La M.O.D.A., nun SonRías Baixas que volve do 3 ao 8 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Novas incorporacións ao cartel do 'Atlantic Fest' 2021: Depedro e Johnny B. Zero
Por Redacción |
-
Atlantic Fest presenta o vídeo da súa última edición marcada pola Covid e avanza na organización do próximo festival
Por Redacción |
-
O Atlantic Fest pon rumbo a 2021 cun concerto de La Bien Querida
Por Redacción |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |