A Biblioteca de Pontevedra únese ás homenaxes a Pardo Bazán cunha mostra bibliográfica
Por Redacción
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou este xoves a exposición "Coñecento a Emilia Pardo Bazán: escritora, xornalista, feminista...", coa que a Biblioteca da Xunta en Pontevedra, Antonio Odriozola, súmase ás conmemoracións en homenaxe á autora no marco do centenario da súa morte.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, nestes momentos “é fundamental achegar a todos os públicos a obra e os valores desta escritora universal con todo tipo de iniciativas que nos axuden a divulgar o seu legado”.
Lembrou que a Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta conta cun nutrido grupo de obras da autora dispoñibles na modalidade de préstamo e animou facerse con algún deles para achegarse á súa lectura.
A exposición inclúe unha selección de libros da escritora dispoñibles no centro para levar en préstamo, así como unha breve biografía e bibliografía e está dirixida a un público xuvenil e adulto. Poderá visitarse ata o 21 de maio e enmárcase na programación institucional posta en marcha durante este ano para conmemorar o centenario da morte da autora.