O Museo Manuel Torres alberga máis de 500 pezas arqueolóxicas recuperadas en Marín
Por Redacción
O fondo municipal do Museo Manuel Torres de Marín inclúe máis de 500 pezas con interese arqueolóxico. Así consta no inventario completo de bens realizado polo arqueólogo Juan Castro, de Anta da Moura, que este xoves foi entregado ao Concello.
Segundo explica o arqueólogo, as pezas proveñen de distintas partes do Concello e estaban vinculadas a xacementos arqueolóxicos, pero non teñen que ver con excavacións arqueolóxicas, senón que foron achegas de veciños. Son pezas que foron aparecendo ao longo do tempo.
Castro indica que o valor histórico destas achegas radica na información que achegan dalgunhas épocas da historia de Marín, desde o Paleolítico ata o mundo contemporáneo, por iso é polo que "era imprescindible clasificar estas pezas, inventarialas e telas en condicións de ser consultadas polos investigadores que teñan interese".
Entre as máis de 500 pezas que se inventariaron, destaca o material cerámico, pero tamén a pedra ou os metais. Segundo explica o Concello a través dun comunicado, Castro destaca que hai elementos que aínda que non teñen contexto arqueolóxico "son moi interesantes", entre eles uns restos romanos que apareceron en Portocelo e que debían pertencer probablemente a un antigo asentamento romano que debeu existir por esa zona.
Ademais, documentáronse algunhas pezas singulares, como unha ánfora romana que apareceu no mar e está practicamente completa, distintos fragmentos de muíños circulares, típicos dos castros, ou varias anforetas de india.
As concelleiras Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña recibiron este xoves o inventario de mans de Juan Castro, que explicou que "inicialmente estas pezas atopábanse na Biblioteca, pero despois pasaron aos fondos museísticos".