'Aquela nena de Sarria', unha oportunidade para coñecer a Xela Arias na sede da Xunta en Pontevedra
Por Redacción
A poucas xornadas da conmemoración do Día das Letras Galegas, o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra tamén se suma ás múltiples homenaxes á autora protagonista deste ano, Xela Arias. Neste espazo lémbrase á escritora e poetisa lucense a través da mostra 'Aquela Nena de Sarria', un traballo elaborado polo colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Trátase dunha mostra composta por unha ducia de paneis moi visuais que explican a súa vida, dende os seus inicios en Sarria, e afondan no seu vencello co galego. O traballo, que está a percorrer gran parte da comunidade, inclúe fotografías familiares, poemas e debuxos que serven para afondar na biografía e a bibliografía de Xela Arias.
A exposición, que contou coa colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega, está na zona de acceso do edificio e este venres o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitouna acompañado pola secretaria territorial, Marta Iglesias, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
López convidou a toda a cidadanía de Pontevedra a contemplar este traballo para coñecer a fondo a vida e a obra de Arias, autora da que destacou a "calidade e orixinalidade da súa obra" e tamén a "transgresión e ritmo" dos seus traballos e a súa achega firme á defensa da lingua galega.
Relacionadas:
-
Inaugurada a exposición 'Aquela Nena de Sarria' sobre Xela Arias na Biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O alumnado de Cerdedo-Cotobade homenaxeará a Xela Arias con lendas e historias do municipio
Por Redacción |
-
Sanxenxo percorrerá a obra de Xela Arias no acto central das Letras Galegas
Por Redacción |
-
A Ferrería acollerá o 17 de maio un espectáculo poético e musical para enxalzar a figura de Xela Arias
Por Manu Otero |
-
Pontevedra mercará nas librerías da cidade obras de Xela Arias para repartir entre diversos colectivos
Por Redacción |