Tres días de Galegote Rock para gozar en Pontevedra das novas tendencias da música en galego
Por Alejandro Espiño
Tras un ano de descanso obrigado pola covid-19, o Galegote Rock está de volta. Farao con forzas renovadas e o mesmo espírito de sempre, ofrecer ao público pontevedrés o mellor do panorama musical en galego. Será os días 28, 29 e 30 de maio.
Nesta ocasión, haberá dous escenarios. Un estará no Palco da Música da Alameda e o outro nas inmediacións das escaleiras das Palmeiras, no coñecido como paseo Rosalía de Castro. En ambos os casos o público estará sentado e o rexistro de asistencia será obrigatorio.
Nos concertos, que serán gratuítos, reforzaranse as medidas anticovid-19 e haberá distancia de seguridade entre os asistentes, xel hidroalcohólico e o recinto estará valado.
"É unha excelente ocasión para coñecer música en galego", explicou o edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, na presentación dun festival que recupera, case na súa totalidade, o cartel preparado para o ano pasado.
O Galegote Rock, segundo Oubiña, permitirá ao sector exhibir a "potencia" da música galega que, engadiu, "é capaz de unir a diferentes xeracións con diferentes estilos e propostas, todas elas baixo o paraugas d lingua".
A programación do Galegote Rock 2021 é a seguinte:
Venres 28
19:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Su Garrido Pombo
20:00 horas. Palco da Alameda: TNT Band
21:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Moucho
22:00 horas. Palco da Alameda: Monoulious Dop
Sábado 29
13:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Arturo Delgado
14:00 horas. Palco da Alameda: Peña
19:00 horas. Palco da Alameda: Zeltia Irevire
20:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Noiteaka + 2Pasos
21:00 horas. Palco da Alameda: O Cadelo Lunático
22:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Lume
Domingo 30
13:00 horas. Palco da Alameda: Pauliña
14:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: A Rabela
19:30 horas. Escaleiras das Palmeiras: Desjobernaos
20:30 horas. Palco da Alameda: Los Rastreadores
22:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Laura Lamontagne & Pico Amperio
O organizador do Galegote Rock, Marcos Rivas, destacou que o cartel desta edición "é bastante bo" ao contar con bandas de "moito nivel". En Galicia, sinalou, "cada vez saen máis bandas", polo que animou ao público para aproveitar esta oportunidade para coñecelas.
Un dos grandes atractivos será o concerto de Los Rastreadores, proxecto conxunto de dúas grandes referencias da música galega actual, Ortiga e Grande Amore, que ofrecerán un espectáculo que fusionará a música dos 80 e 90 con ritmos de cumbia e salsa.
Con respecto á asistencia do público, Rivas fixo un chamamento para que o festival non se converta nun "botellón" e que a xente acuda "a pásao ben e a gozar coa música".
Relacionadas:
-
Pontevedra, capital da música en galego co Galegote Rock
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
RADIO.- As "pequenas cousas" de Peña interprétanse no Galegote e están en 'A playlist'
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Comeza unha fin de semana coa música galega inundando a contorna da Alameda no Galegote Rock
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
RADIO.- Trilitrate volve co seu terceiro disco que 'Está de grelo'
Por Marisa Ciordia |
-
A Praza de Ourense acolle unha mostra recompilatoria da evolución musical: 'Cantámola en galego'
Por Redacción |