Os prexubilados apuntanse á gaita e as mulleres á pandeireta
Por Oskar Viéitez
A Escola de Gaitas e Percusión da Deputación inaugura este mércores o curso na súa sección de Pontevedra, situada no Centro Príncipe Felipe.
O director da Escola e presidente da Federación Galega de Gaitas, Hipólito Cabezas, salientou que se trata dunha escola que, lonxe de perder alumnos, está a ver incrementado o seu alumnado, acadando xa os máis de 700 matriculados nas cinco seccións que compoñen a escola (Salnés, Morrazo, Deza, Vigo e Pontevedra).
No caso de Pontevedra, hai 150 matriculados nestes momentos e aínda está aberto o prazo para a inscrición. As clases neste centro son totalmente gratuítas e só é preciso aboar 25 euros en concepto de matrícula.
PERFIL DO ALUMNADO
En canto ao perfil dos alumnos desta escola, é moi variado e vai desde nenos de 6 anos ata persoas que superan os 70 anos. De feito, e segundo indicou Hipólito Cabezas, hai un elevado porcentaxe de persoas prexubiladas que acoden á escola para adquirir un dominio básico da gaita, o redobrante ou a pandeireta que non tiveron ocasión de aprender na súa xuventude.
En canto ao sexo, a porcentaxe entre mulleres e homes é moi equilibrado, situándose practicamente ao 50% no caso da gaita, pero non así no de pandeireta, onde o 90% son mulleres, malia que nos últimos anos son cada vez máis os homes que se matriculan neste instrumento.
FINAL DA LIGA DE BANDAS
Moitos dos que se formaron nestas escolas de Deputación participarán o vindeiro 27 de outubro en Pontevedra, xunto con máis de mil gaiteiros e percusionistas dunhas 30 agrupacións musicais de Galicia, resto de España e Portugal, na Final da XXIII Liga de Gaitas que terá lugar na Avenida Montero Ríos.
Este evento estaba previsto para o pasado mes de xullo, pero foi aprazado en solidariedade coas vítimas do accidente de Angrois, entre os que, segundo asegurou Hipólito Cabezas, tamén había persoas vinculadas ás distintas bandas que participan neste certame.
A final dará comezo ás 10.00 horas do domingo e contará coa participación dunha trintena de agrupacións.