Crowdfunding para financiar a recuperación dun diploma concedido a Casto Méndez Núñez e doalo ao Museo
Por Redacción
A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra puxo en marcha unha campaña colaborativa para financiar a adquisición a un anticuario de Vigo dun diploma polo que se concedía o título de socio de honra da Real Sociedad Económica de Santiago de Cuba ao contraalmirante galego Casto Méndez Núñez no ano 1867.
A campaña de crowdfunding enmárcase na conmemoración do Día Internacional dos Museos 2021 coa idea de incentivar a participación cidadá no complemento das coleccións do Museo provincial, ofrecendo unha pequena recompensa a quen desexe converterse en mecenas da institución.
A iniciativa completaríase, tras a adquisición do documento, coa doazón ao Museo para completar a Colección Méndez Núñez - Mendoza Babiano, que se atopa nas instalacións tras o procedemento ab intestato das irmás Mendoza, que falecían en 1971. María e Concha de Mendoza Babiano eran sobriñas-netas de Casto. Ao non haber herdeiros forzosos, o Estado pasou a ser herdeiro e os seus bens foron distribuídos entre diferentes institucións entre as que se atopa o Museo de Pontevedra, onde figuran a maioría dos seus bens. Pero tamén determinados obxectos e xoias foron poxados e adquiridos por particulares.
O diploma é un documento oficial que mostra a admisión de Casto Méndez Núñez, cando era Xefe de Escuadra, na Real Sociedade Económica de Santiago de Cuba, en recoñecemento aos seus méritos navais na Guerra do Pacífico.
A actual Colección Méndez Núñez - Mendoza Babiano recolle documentación persoal e patrimonial familiar, correspondencia, ademais de debuxos, cadernos de notas e artigos de prensa. Tamén se conservan no Museo vestidos, xoias e mobles do Palacete familiar situado na avenida de Santa María.
A Asociación sinala que por unha achega de cinco euros, as persoas participantes recibirán unha reprodución en alta calidade do diploma; por unha entrega de 10 euros, ademais da reprodución ofrecerase unha bolsa de tea cunha ilustración dedicada ao contraalmirante e cunha achega por unha cantidade superior concederase unha carta de agradecemento personalizada, ademais dos outros dous elementos. Ademais, a persoa interesada figurará na relación de mecenas que posibilitaron a adquisición da obra para o Museo, sempre que así o desexe.
Para calquera dúbida pódese contactar coa Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra a través do correo contacto@amupontevedra.gal