Iván Ferreiro volve a Pontevedra: presentará o seu novo disco no Pazo da Cultura o 16 de novembro
Por Alejandro Espiño
Din del que é un álbum profundo e potente, pero máis luminoso e vitalista que os anteriores. Val Miñor-Madrid, Historia y cronología del mundo, é o sexto traballo discográfico de Iván Ferreiro. Editado o pasado 24 de setembro, é xa todo un éxito de vendas e de crítica. Este 'cambio' na liña musical do artista poderemos velo en Pontevedra. Actuará o 16 de novembro no Pazo da Cultura.
Tres anos logo do seu último traballo de estudo, Picnic Extraterrestre, que supuxo, segundo o mesmo recoñece, o final dunha etapa máis amarga, Iván Ferreiro regresa cun disco "de amor, de alguien que se enamora y pretende seguir enamorado". Para o artista vigués, "fue un reto hacer un disco que fuera alegre y hablara de cosas buenas", explicaba nunha recente entrevista en Europa Press.
Na presentación do concerto en Pontevedra, Kin Martínez, director de empresa Esmerarte, promotora do espectáculo, sinalou que Iván Ferreiro "personalmente despois de moitas voltas ao mesmo estilo, quixo dar un paso para adiante". Un cambio do que o artista, dixo, "está moi contento" e que está gustando aos seus seguidores. De feito, na súa primeira semana no mercado o disco situouse no posto número 2 dos discos máis vendidos.
O do Pazo da Cultura será un dos primeiros concertos da xira de Iván Ferreiro. "Así queriamos que fora", explicou Kin Martínez. Virá arroupado por toda a súa banda, na que ten un papel destacado o seu irmán Amaro Ferreiro con quen forma un tándem perfecto. "Es mi compañero de viajes y realmente este proyecto se llama Iván pero estamos los dos todo el rato implicados, la mitad de las ideas buenas las trae él", explicaba recentemente o artista.
Iván Ferreiro non actuará só no Pazo da Cultura. Contará con Nico Pastoriza como teloneiro. Personaxe central na escena musical viguesa das últimas décadas, presentará o seu último traballo discográfico, Poetas y motocicletas, un disco composto por sete novos temas producidos, ademais, por Iván Ferreiro. El actuará ás 21.00 horas e Iván Ferreiro sairá ao escenario ás 21.45 horas.
Será a guinda para a programación para esta tempada de outono que, segundo a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, ofrecerá propostas musicais "moi diferentes e para todos os gustos". Os outros tres concertos, a diferenza do de Iván Ferreiro, celebraranse no Teatro Principal. Son os seguintes:
- 18 de outubro: concerto de Luís Emilio Batallán, que regresa a Pontevedra logo de moitos anos para presentar o seu novo traballo discográfico.
- 26 de outubro: concerto de Os da Ría, un grupo que está protagonizando a súa xira "senlleira" e que ofrecerá, segundo a concelleira de Cultura, "un espectáculo cheo de música, humor e crítica".
- 9 de novembro: concerto de Sés, "unha aás artistas con maior proxección de Galicia", recordou Anxos Riveiro, e que presentará en Pontevedra o seu novo disco, Co xenio destrozado.
As entradas para o concerto de Iván Ferreiro xa están á venda a través de www.servinova.es. Teñen un prezo de 18 euros se se adquire de forma anticipada ou de 21 euros se se compran na billeteira do Pazo da Cultura.