Recreacións de Emilia Pardo Bazán e Pedro Madruga guiarán a visitantes polo Castelo de Soutomaior
Por Anxo Lourido
Neste verán de 2021, o Castelo de Soutomaior volverá recibir visitantes dispostos a aprender sobre a historia desta edificación a través das Visitas teatralizadas e Visitas caracterizadas. Este martes, a presidenta provincial Carmela Silva presentaba esta actividade que se desenvolverá de maneira ampliada durante os vindeiros meses en sesións destinadas a 15 persoas por quenda e cun prezo de oito euros para realizar o percorrido dunha hora de duración.
As visitas teatralizadas levarán por título 'Irma e Diña' e personaxes como Pedro Madruga e Paio Gómez ofrecerán aventuras con música e coplas a un público familiar no que terán un principal protagonismo os personaxes das labradoras Irma e Diña, que contarán a historia, os costumes da poboación durante o século XV. Nesta proposta mostrarase a importancia das mulleres labradoras durante a época medieval en Galicia e tamén se narrará a historia do castelo.
Esta actividade, realizada pola compañía Troula, iniciarase a partir do 5 de xuño cun dobre pase, e as entradas pódense adquirir a través do web do Castelo de Soutomaior. As visitas estenderanse ata o 6 de setembro e desde o mes de xullo cada unha das xornadas contará con catro pases para o público.
Pola súa banda, as visitas caracterizadas comezarán o 30 de maio e, neste caso, as recreacións de personaxes tan importantes na historia do Castelo de Soutomaior como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán ou Emilia Lluria realizarán un percorrido polo parque botánico ao redor da fortaleza para contar as súas historias e anécdotas, ademais de segredos sobre eses xardíns. Explicarán ademais as particularidades do xardín francés, as sequoias ou as árbores singulares que se atopan no xardín. Estas sesións van dirixidas ao público adulto e realizaranse a través da agrupación Aguias. As visitas finalizarán o 25 de agosto, con dobre pase en cada xornada programada durante os meses do verán.
As entradas pódense adquirir tamén a través da páxina web do Castelo de Soutomaior. A presidenta da Deputación indicou que nesta ocasión máis de 1.000 persoas poderán participar destas sesións para coñecer detalles sobre a historia desta construción histórica.